Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Premio Ourense de BD á mellor iniciativa recae no Colectico Polaqia

O Premio Ourense de BD, que cada ano outorgan a Casa da Xuventude de Ourense e mais a Concellaría de Cultura do Concello de Ourense para distinguir as máis importantes iniciativas e traxectorias dentro do panorama da banda deseñada galega, recae nesta edición de 2007 no Colectivo Polaqia, asociación de autores en activo desde o ano 2001.

Polaqia naceu como selo para autoedicións dos seus compoñentes para demostrar que os autores galegos de banda deseñada tiñan iniciativa. A primeira das edicións do selo, o álbum colectivo Mmmh! —composto por cómics mudos—, o grupo contaba con Kike Benlloch, Jano Viñuela, Alberto Vázquez, Bernal e David Rubín, e anunciaba proxectos doutros membros.

Ao longo destes anos, varios dos membros do grupo publicaron monografías baixo o selo Polaqia: é o caso de Jano e Alberto Vázquez, e tamén de Emma Ríos, Álvaro López, Kike Benlloch, David Rubín e Diego Blanco. En 2003 nace a revista que é buque insignia do colectivo: Barsowia, a día de hoxe con dez números publicados, que reúnen, en lingua galega, autores de múltiples procedencias. A través das páxinas de Barsowia irá tomando importancia a presenza de novos autores do grupo, como os irmáns Sergio e Hugo Covelo, Brais Rodríguez, Diego Blanco ou Roque Romero, que van consolidando o núcleo do colectivo despois da marcha de Jano e Alberto Vázquez.

O máis recente de Polaqia é o lanzamento das coleccións «Rompehielos» —que comeza coa novela gráfica Pinche mundo, de Kike Benlloch e Diego Blanco— e «Polaqia Sketchbook» —que o fai co correspondente a Miguel Robledo.

Os traballos autopublicados por Polaqia interesaron xa a outros editores e serviron para o nacemento doutros proxectos; os máis directos foron o volume compilatorio Barsowia en llamas (Dolmen Editorial), e o álbum Capital (Edicions de Ponent). O labor de Polaqia viuse recoñecido xa en dúas ocasións con premios a Barsowia no Saló del Còmic de Barcelona: en 2006, co Premio do Público ao Mellor Fanzine, e en 2007 co Premio do Xurado na mesma categoría.

Con este Premio Ourense quere destacarse a importancia do movemento da autoedición como dinamizador do panorama da banda deseñada galega; o fanzine como elemento fundamental para o presente e o futuro do cómic en Galiza. Ante a falta de iniciativas das editoras profesionais, estes autores crearon un espazo propio que demostrou non só a existencia de talento, senón tamén a viabilidade das edicións de banda deseñada, apostando esencialmente polo formato da novela gráfica. Seis anos despois da creación de Polaqia, o colectivo segue en pleno crecemento —veñen de lanzar unha convocatoria aberta de edición de novelas gráficas— e dando razóns para a boa saúde actual do cómic no país.

O Premio Ourense de Banda Deseñada, que será entregado no transcurso das próximas Xornadas de Banda Deseñada (cuxa décimo novena edición decorrerá entre o 3 e o 20 de outubro), está dotado cunha estatuíña deseñada expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.

Até o de agora, foron galardoados co Premio Ourense nesta categoría Xaquín Marín, Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais, Miguelanxo Prado, ‘A Nosa Terra’, o equipo de ‘A Familia Perpetua’ (Carvallo, Héitor e Robledo), a Deputación da Coruña, a Biblioteca Club 33 de Santiago, Fausto Isorna, o programa ‘Xabarín Club’, o Festival ‘Viñetas desde o Atlántico’, Fran Jaraba, a Deputación de Lugo, o Consello da Cultura Galega, a revista ‘Golfiño’, Pepe Carreiro, o Colexio de Arquitectos de Galicia, a revista ‘BD Banda’ e a librería Paz.

http://www.redegalega.org/polaqia
Benito Losada (Casa da Xuventude)