Santiago acolle o I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia

O conselleiro de Medio Ambiente resaltou o momento que vive Galicia na actualidade en materia medioambiental, que definiu como “crucial”. “Contamos con grandes recursos naturais que intentamos preservar e desenvolver con criterios de sostibilidade”, declarou Manuel Vázquez, quen insistiu na necesidade de antepoñer a conservación dos espazos naturais ao crecemento desmesurado e irracional. Así, definiu o congreso como unha boa oportunidade que teñen países cunha ligazón importante, como é o caso de Portugal, para poñer en común experiencias e colaborar no desenvolvemento de actuacións compartidas en materia medioambiental.
Na mesma liña, o responsable autonómico salientou que só é posible falar de crecemento económico “se leva aparellado un criterio de sostibilidade dos recursos naturais, fundamentalmente da auga, pero tamén do aire e os ecosistemas”. Manuel Vázquez recordou, neste senso, a participación de
Galicia en foros mundiais sobre o cambio climático e a posta en marcha de políticas para frear este fenómeno, promovidas polo departamento autonómico e que os representantes galegos compartirán co resto dos participantes no congreso.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia