Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Amplíase en oito centros a rede para obter o carné de albergues xuvenís

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, anunciou que o seu departamento ten prevista a sinatura dun convenio de colaboración coa REAJ (Red Española de Albergues Juveniles) para ampliar a rede de oficinas que expiden o carné de alberguista en Galiza. Os novos puntos para obter este documento situaranse nas localidades de Carballo, Viveiro, Vilagarcía, Lalín, Monforte, O Barco, Tui e Verín.

Na actualidade, existen oficinas expedidoras de carnés REAJ en Santiago, Lugo, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense, situadas nos 7 campus universitarios do país e no Centro Coordinador de Documentación e Información Xuvenil de Compostela. Nestes puntos, fanse unha media de 4.000 carnés de alberguista cada ano.

Coa posibilidade de obter o carné en máis localidades, a Dirección Xeral de Xuventude pretende promover a incorporación de novos socios á rede, fomentando a práctica do alberguismo como proxecto de mobilidade, interculturalidade e achegamento entre pobos.

O convenio a asinar coa REAJ prevé tamén impartir formación para o persoal que traballa nestes puntos, tanto nos 7 que xa emiten o carné como nos que agora comezarán a facelo.

Así mesmo, Cela explicou que se realizará unha campaña informativa na que se inclúe a celebración dunhas xornadas simultáneas de información sobre alberguismo nas 7 cidades e vilas nas que se pode obter o documento. No marco desta campaña, editaranse guías para as persoas que participen nestas xornadas e editaranse 10.000 folletos informativos e carteis.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia