Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Convocadas as axudas a entidades locais para as cidades dixitais 2007-2010

A Consellaría de Innovación e Industria vén de convocar, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións destinadas a entidades locais para o desenvolvemento en Galiza de Cidades Dixitais 2007-2010 no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (Pegsi) e do Plano Avanza. A data límite para a presentación de solicitudes será o día 25 de outubro do 2007.

Estas subvencións teñen por obxecto impulsar a realización de desenvolvemento de aplicacións e servizos de administración electrónica, de servizos dixitais dirixidos aos cidadáns e empresas de ámbito local, de formación e de difusión; relacionadas especificamente co desenvolvemento e implantación da Sociedade da Información en Galiza a través das Cidades Dixitais. Cómpre salientar que a formación é unha peza fundamental para reducir a fenda dixital na sociedade galega.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións concellos, grupos de concellos en cooperación ou mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios. Asemade, polo menos un 10% do presuposto do proxecto deberase adicar á transferencia da tecnoloxía e difusión a outras entidades locais. Inclúense aquí actuacións como a creación ou participación en redes de difusión de coñecemento entre varias entidades locais, grupos temáticos sobre as materias obxecto desta convocatoria ou eventos destinados á difusión dos logros alcanzados e ao intercambio de experiencias.

O orzamento total para estas subvencións ascende a 1.905.367,50 euros. Para a concesión destas axudas, a Consellaría achegará 63.512,25 euros para a anualidade 2007 e 571.610,25 euros para a anualidade 2008. Completarase o financiamento coa aportación do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que transferirá 1.270.245 euros para o ano 2007. Está previsto, nos fondos aportados polo Ministerio, a participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia