Teo homenaxea ao ciclista Ezequiel Mosquera, quinto na Volta Ciclista a España

O alcalde Martiño Noriega, fíxolle entrega a Ezequiel dun libro chamado 120 anos de ciclismo galego “co convencemento de que o nome de Mosquera apareza en próximas revisións da obra”. O primeiro edil explicou “como durante a Volta nos emocionamos, nos ilusionamos, vibramos e sufrimos con Ezequiel”. O libro, de Xerardo González, está asinado polos portavoces de todos os grupos municipais.
O deportista, acompañado da súa familia e algúns amigos, agradeceu este recoñecemento por parte do seu concello. Ademáis recoñeceu sentirse “desbordado por todas as actividades posteriores ao remate da Volta”. Asimismo asegurou que o máis agradable “é o recoñecemento da xente de aquí, do teu concello”. Mosquera fixo entrega ó alcalde dun maillot do equipo Karpin Galicia asinado por él.
Ezequiel Mosquera naceu en Cacheiras o 19 de novembro de 1975. Comezou no ciclismo como profesional “tarde” segundo él mesmo recoñece. Debutou como profesional no equipo portugués Paredes Moveis no 1999. Desenvolveu parte da súa carreira como profesional en equipos portugueses, Paredes Moveis, Cantanhede e Boavista, ata que en 2005 se integra no Kaiku. No ano 2006 pasa a formar parte do equipo Comunidad Valenciana. Pero sen dúbida é no Karpin Galicia, este ano, onde colleita os seus maiores éxitos como ciclista profesional.
Do seu palmarés destaca o quinto posto na recente Volta Ciclista a España, gañar unha etapa da Volta á Rioja no 2005, facerse coa Clasica de Primavera de Portugal en 2002, e acadar o primeiro posto nunha etapa da Vuelta a Tierras de Santa María no 1999.

Cruz Devesa (Departamento de Comunicación do Concello de Teo)