Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CPXG pon a debate o papel dos medios na información de xénero

Seguindo co seu traballo de seguemento e estudio da información sobre cuestións de xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Observatorio Galego dos Medios (OM) convocan para o 24 de novembro unha xornada baixo o título O papel dos medios na información de xénero. Este acto vaise celebrar, na víspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra de Lugo.

Na busca dun mellor tratamento da información de xénero, que implique aos movementos asociativos, a xornada vai dar comezo ás 9:30 da mañá coa inauguración e a conferencia de Marisa Soleto Ávila, directora da Fundación Mujeres, quen vai dar a súa visión sobre a posición das organizacións de mulleres en relación coa igualdade de oportunidades nos medios.

Ao longo da mañá (até as 14:00h) e da tarde (desde as 16:30h até as 20:00h) vanse suceder ademais tres mesas de traballo, centradas sobre o tratamento da información relacionada coa violencia machista, o pacto de autorregulamento e as posibilidades de mellorar a función socializadora dos medios. Nestas, participarán xornalistas, investigadoras, avogadas e integrantes das asociacións de mulleres, co obxectivo de ofrecer todas as perspectivas posíbeis que poidan atinxir á información sobre temáticas de xénero.

Esta xornada está incluída dentro do programa das VI Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero do Concello de Lugo, organizado pola Concellaría da Muller e Benestar Social, que desenvolverá desde o xoves 22 un programa de ponencias e obradoiros, co gallo de celebrar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)