Eganet achega a cultura tecnolóxica ás PEMES a través do Plan Impacto

O Plan Impacto está estruturado en vintedúas sesións e once áreas temáticas, nas que se abordan con carácter monográfico os asuntos de maior interese para as empresas. A utilidade de Internet en actividades como o Turismo e a Promoción Inmobiliaria, a factura electrónica, as estratexias de e-comerce, a utilidade da Voz IP, a tradución automática e os simuladores de procesos e máquinas, serán algúns dos temas que se ofrecerán dentro deste plan. As sesións terán lugar en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Arzúa e Ribeira Sacra e serán impartidas por empresas galegas especializadas en cada unha das materias, que presentarán demostracións prácticas nas que se visualizan os beneficios da incorporación de solucións tecnolóxicas aos procesos laborais e de produción. As empresas que impartirán as distintas materias son Aaccentia Multimedia, Abertal Comunicaciones, Asi-Red, Ava, Imaxin, RDFidelia, Interacción, Pexego, TLR Soft e Visual Publinet.
Entre outras ferramentas tecnolóxicas, o Plan Impacto aborda as solucións que representan os simuladores virtuais, que serven para reproducir nunha web o funcionamento dunha maquinaria, de procesos industriais ou dunha cadea de produción, cunha gran fidelidade. Estas animacións interactivas axudan a optimizar procesos, aforrar custos de consumo e recursos, a realizar autoaprendizaxe deslocalizado, etc. tendo sido xa experimentados en Galicia con éxito por industrias do sector primario ou dedicadas á fabricación de bateas, e sendo tamén de aplicación para outros usos, como a simulación de cartas náuticas para patróns de barcos pesqueiros.
Outra das materias que se abordan está dedicada a analizar as vantaxes de utilizar tecnoloxía de voz sobre IP, compartindo o mesmo medio de transmisión para información de voz e de datos, o que representa un aforro e simplificación en infraestruturas, o acceso a novos servizos e funcionalidades e un importante aforro en custes ao empregar as redes IP para conectar ás empresas coas súas delegacións remotas, colaboradores, teletraballadores, clientes e provedores a través de Internet.
As tecnoloxías lingüísticas tamén van ter cabida no ‘Plan Impacto’, que exporá as solucións para mellorar a calidade da documentación empresarial mediante sistemas de corrección, buscas intelixentes e a súa internacionalización, mediante sistemas de tradución automática, como o Opentrad, o primeiro sistema de tradución automática en programación libre, que permite o seu uso gratuíto e o seu acceso rápido a través da web Opentrad.com. O tradutor 'Opentrad' xa está en funcionamento e está sendo utilizado, entre outros, polas administracións públicas e por diversos xornais galegos
A sesión inaugural do ‘Plan Impacto’ ten lugar na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago, onde José Ramón Pais, enxeñeiro de software da empresa Asired explicará as “Ferramentas para os novos mercados electrónicos do turismo”.
A Asociación EGANET foi creada no ano 2000 co obxectivo de estar na vangarda do coñecemento, cohesionar e fortalecer o tecido empresarial das TICs en Galicia.
Gabinete de Comunicación de Eganet