Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Editorial Galaxia e Club Cultural Valle Inclán presentan en Lugo Psicopatoloxía do retorno

Convocado por Editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2006 foi para Psicopatoloxía do retorno, de Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, pola súa análise da complexa situación dos emigrantes galegos retornados a partir da narración da súa experiencia. Na súa VI edición o xurado estivo composto por Benxamín Casal, Susana Reboreda, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema como secretario do xurado.

Ao carón das complicacións persoais, os autores de Psicopatoloxía do retorno destacan a importancia social dos emigrantes que volven: “Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. Pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade allea a nacenza, construida a pulso. O retorno é un fenómeno silandeiro, debe deixar de selo. Temos que escoitar atentamente, porque a carón de nós, hai xente que fala con acento de Berna ou de Buenos Aires, xente que aprendeu moitas cousas importantes para este país, e que merecen que o aproveitemos”.

O libro parte da lembranza idealizada dun lugar e dun tempo pasado, e da volta a un paraíso perdido, para analizar a patoloxía que agroma cando esa fantasía ou obxecto máxico é negada. O retorno como fenómeno silandeiro no que a sociedade galega debe esculcar atentamente para integralo como experiencia ricaz. Traballo de campo e reflexión ensaística, velaquí unha novidosa achega ao fenómeno da emigración escrita desde o punto de vista da ciencia psiquiátrica.

Alexandre García-Caballero (Vigo, 1972) é especialista en psiquiatría e Doutor en Medicina. É autor de numerosos artigos internacionais sobre avaliación cognitiva e outros temas relacionados coa saúde mental. Exerce a súa profesión no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense. Na actualidade é secretario da Asociación Galega de Saúde Mental e colabora coa Universidade de Vigo e de Santiago na docencia de terceiro ciclo.

Ramón Area Carracedo (Ourense, 1969) é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, fixo a especialidade en psiquiatría na cátedra do Profesor Rodríguez. Traballa na sanidade pública no Servizo de Psiquiatría do Hospital Xeral-Calde, en Lugo. É autor de varios libros e numerosos artigos sobre diversos trastornos mentais.
Editorial Galaxia + Club Cultural Valle Inclán