Gardacostas de Pesca incautan unha embarcación e un vehículo empregados no marisqueo furtivo na ría do Burgo

Así mesmo, durante a pasada madrugada membros Gardacostas de Pesca interceptaron nas proximidades da Ponte da Pasaxe, no termo municipal de Oleiros, un vehículo modelo “Nissan Serena” que ocultaba no seu interior un mariscador furtivo que fora visto na zona de Santa Cristina. Os axentes solicitaron a colaboración da Garda Civil de Oleiros e atoparon no coche sete quilos de ameixa e diversos aparellos de marisqueo. Despois de identificar ao conductor, os Gardacostas levantaron a correspondente acta de presunta infracción e incautaron o automóbil. O marisco foi sementado na ría, tarefa para a que se contou coa axuda da embarcación de vixilancia da Confraría de Pescadores da Coruña.
Estas operacións súmanse a un amplo operativo levado a cabo tamén na Ría do Burgo hai agora un mes xunto con axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil e a Policía Nacional e que permitiu aprehender 11 embarcacións e diversos últiles empregados no marisqueo furtivo.
Estas actuacións forman parte dos diversos dispositivos conxuntos que se veñen desenvolvendo na Ría da Pasaxe de forma habitual por parte do Servizo de Gardacostas coa colaboración da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Nacional adscrita á Autonomía e a Policía Local, co fin de loitar contra o furtivismo nesta zona.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia