Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O helicóptero Pesca 1 localizou os corpos sen vida de dous homes de Bueu que saíran ao mar

O helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardadostas de Galicia da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con base operativa en Vigo, localizou esta tarde os corpos sen vida de dúas persoas. Os dous veciños de Bueu, F.V.F. e G.V.O., saíran ao mar na noite do mércores a bordo dunha lancha de pequenas dimensións. O Pesca 1 foi alertado ás 12.48 horas polo Centro Zonal de Salvamento Marítimo de Fisterra para participar nas tarefas de busca das dúas persoas desaparecidas, nas que estaban a participar, tamén, axentes de Gardacostas da Unidade Operativa de Pontevedra.

O helicóptero da Consellería de Pesca saíu da base ás 13.26 horas para dirixirse á zona entre Bueu e Marín onde se estaban a realizar os traballos de localización dos dous homes da localidade buenense. Unha vez na zona, comezaron coa busca e ás 14.40 horas deron aviso do avistamento do corpo dun dos desaparecidos nas rochas da zona de Cabo de San Blas, en Aguete. Dado o complicado da manobra, pola zona rochosa e polas malas condicións meteorolóxicas que reinaban nese intre, optouse porque a recuperación do corpo a realizase por mar unha zodiac do Servizo Marítimo da Garda Civil.

Nove minutos despois, ás 14.49 horas, a tripulación do Pesca 1 alerta da aparición do corpo doutra das persoas desaparecidas. Neste caso, puido procederse ao rescate do cadáver por parte do equipo de rescatadores que forman parte da tripulación do helicóptero da Consellería de Pesca, e foi entregado á Garda Civil na praia de San Blas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia