Pesca presenta en Laxe un curso de operador do sistema mundial de socorro

En total realizaranse sete cursos que estarán integrados por oito alumnos cada un deles e que terán unha duración de 40 horas lectivas. Estas actividades inclúense dentro das accións formativas do Plan Perseo do Ministerio de Fomento e serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Sociedad de Salvamento y Seguridad Marítima.
O obxectivo dos cursos é formar aos titulados náutico-pesqueiros no desempeño de funcións relacionadas co servizo de radiocomunicacións nos buques acollidos ao Sistema Mundial de Socorro y Seguridad Marítimo (SMSSM), na zona marítima A1 (barcos que traballan a menos de 30 millas da costa). Ademais, quérese dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios para superar o exame programado ao remate dos cursos.
Segundo o cronograma previsto, os asistentes recibirán formación sobre principios xerais e características básicas do servizo móbil marítimo; coñecementos prácticos e habilitación do equipo básico da estación dun barco; e procedementos operacionais e operación detallada da práctica dos sistemas SMSSM e os seus subsistemas. Así mesmo, abordarán cuestións relativas ás capacidades e sistemas operacionais para as comunicacións xerais e, ademais, realizarán prácticas en estacións reais.
Sistema Mundial de Socorro
A comezos do ano 1999 culminou o proceso de implantación do Sistema Mundial de Socorro y Seguridad Marítimo, coa adecuación da flota a este novo sistema. Este procedemento ten a finalidade de automatizar as comunicacións de socorro entre buques e os centros de coordinación de salvamento distribuídos ao longo do litoral marítimo.
Con este sistema tamén se pretende dar a coñecer as situacións de emerxencia a todas aquelas embarcacións próximas a un sinistro para que cooperen nas tarefas de salvamento, así como difundir a información de seguridade mediante a emisión automática de avisos aos navegantes e alertas meteorolóxicas.
Colaboración entre Pesca e o Centro Jovellanos
A Consellería de Pesca vén mantendo unha colaboración continua co Centro Jovellanos de Xixón, o que permitiu que, nos últimos anos, axentes do Servizo de Gardacostas completaran a súa formación en prevención e loita contra a contaminación nesta escola asturiana.
De feito, Pesca investiu máis de 43.000 euros nos cursos avanzados, celebrados entre outubro e decembro de 2006 e nos que participaron 64 axentes de Gardacostas. Así mesmo, outros técnicos deste e doutros departamentos da Xunta de Galicia implicados no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña tamén participaron no ano 2007 nas iniciativas que ofrece o Centro Jovellanos.
A formación que oferta esta institución, homologada pola Dirección General de la Marina Mercante, é impartida por expertos da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar) que teñen experiencia en accidentes como o do Erika e o Prestige e que dan as súas clases tanto nun nivel avanzado como nun nivel de dirección.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia