Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O ministro de Cultura fai unha decidida aposta pola proxección cultural de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, recibiu no Pazo Municipal ao ministro de Cultura, César Antonio Molina, na que foi a súa primeira visita institucional ao Concello dende que tomara posesión do seu cargo como máximo responsable da política cultural estatal. Seguindo o guión previsto, o responsable da carteira de Cultura saudou aos voceiros dos grupos políticos municipais que o agardaban no Salón de Recepcións, onde mantivo un breve encontro con eles. Foi o momento tamén de deixar constancia do seu paso pola cidade asinando no Libro de Ouro e de recibir, de mans do alcalde, un agasallo da corporación en forma de figura de cerámica coa fachada do consistorio.

A continuación, primeiro edil, ministro e demáis membros da corporación achegáronse ata o Salón de Plenos, lugar que congregou a importantes persoeiros da vida social, económica e cultural da cidade para asistir á entrega a César Antonio Molina do Premio Letras de Bretaña.

Así, o alcalde de Ferrol foi o encargado de presidir e abrir o acto que daba comezo ás doce e media da mañá. Irisarri comezou o seu discurso agradecéndolle a súa presenza na cidade porque segundo asegurou “para este goberno municipal a cultura representa unha obriga de acción política de primeira orde; un ben público ao que ten dereito toda a cidadanía, non só como simples espectadores senón tamén como participantes activos”.

Neste senso, o rexedor ferrolán recoñeceu que para o goberno municipal “as políticas culturais fortes colman tanto as inquedanzas intelectuais da cidadanía como colaboran no desenvolvemento económico e na vertebración territorial”. Uns obxectivos a cumprir para os que a cidade, segundo afirmou, “conta con dotacións de calidade”.

Estábase a referir o alcalde ao Teatro Jofre “que resolve unha grave carencia perpetuada durante anos e que na actualidade permítenos dispor dun magnífico foro cultural na Comunidade galega”. Á Biblioteca Municipal e o Centro Cultural Torrente Ballester, que segundo Irisarri, cando estean as obras finalizadas “multiplicará as posibilidades artísticas da nosa cidade”. Tamén o futuro Auditorio, “que completará a oferta cultural”.

Neste contexto, o primeiro edil asegurou que o novo equipo de goberno “ten claro que as cidades se valoran polo seu nivel cultural”, polo que amosou a súa firme vontade de traballar conxuntamente con todas as asociacións e entidades culturais “para lograrmos que a nosa cidade sexa un referente nos circuitos culturais galegos e estatais”.

Foi neste momento da intervención cando Vicente Irisarri incidiu na necesidade de contar coa colaboración do departamento que dirixe César Antonio Molina, unha colaboración xa iniciada co anuncio da celebración en marzo, o día 29 e no Teatro Jofre, da Gala de entrega dos Premios Nacionais de Cultura que se conceden cada ano. Cabe recordar que inicialmente o acto estaba programado para o día 9 de febreiro, aínda que o ministerio decidiu pospoñelo para despois da celebración das eleccións xerais co fin de evitar este tipo de actividades en datas próximas ás votacións. En todo caso, “será unha oportunidade de promoción, de proxección exterior de Ferrol, que xenerosamente nos brinda o Ministerio e unha proba destacada da súa confianza nas nosas perspectivas de futuro”, dixo o rexedor, quen asegurou que “esta fructífera relación vaise perpetuar no tempo e confiamos encontrar o mesmo apoio para afrontar o noso reto: Converter Ferrol en Patrimonio da Humanidade”.

Merecido e prestixioso

Así mesmo, o alcalde amosou a súa satisfacción porque o Real Coro Toxos e Froles escollera o Concello para entregar o Premio Letras de Bretaña na súa terceira edición: “Desexo, pois, agradecerllo sinceramente e particularmente ao seu presidente, Pedro Sanz”. Irisarri rematou a súa intervención dándolle a noraboa “a quen merecidamente o gañou”. “E non vou a falar agora -dixo- nin moito menos descubrir, os méritos literarios de César Antonio Molina. Si dicirlle que me asombra a súa capacidade de organización para, aínda agora, coas responsabilidades que detenta, seguir escribindo”. Para o primeiro edil, “o Premio Letras de Bretaña prestixia a quen o recibe, pero tamén, que duda cabe, o que o vai a recibir prestixia a si mesmo ao premio”.

O seguinte en tomar a palabra foi Pedro Sanz, presidente do Real Coro Toxos e Froles, quen se referiu ao premiado como “un home que ás veces gosta vivir sen ser visto; un home que sinte El Rumor del tiempo... un home de hoxe”. Sanz agradeceu a presenza de César Antonio Molina na cidade para “vir a recoller persoalmente este sinxelo premio, dos pobres, onde nunha praca de prata aparece gravado o mapa da nosa terceira Bretaña con sede en Mondoñedo-Ferrol, no norte das provincias de A Coruña e Lugo, na Galiza do Norte”.

O presidente do Real Coro referiuse a Molina como un estudoso de Torrente Ballester e de Cunqueiro: “César Antonio Molina, un home que reflexiona sobre os aspectos fundamentais da orixe, función e destino da narrativa contemporánea a traverso do estudo, entre outros, de novelistas universais como Torrente e Cunqueiro”. Acto seguido, o primeiro edil da cidade e o presidente do Toxos fixeron entrega da praca de prata ao gañador da terceira edición do Premio Letras de Bretaña.

Tras as verbas de Pedro Sanz, o escritor e xornalista Ramón Loureiro tomou o testigo no turno de intervencións. Unha intervención na que aportou outra perspectiva sobre a obra e personalidade de Molina dicindo que “é un dos grandes poetas vivos tanto da lingua española coma da lingua galega, quizais o que mellor soubo achegarse cos seus versos a esa secreta identidade do ser humano que se oculta no corazón do misterio, e que raramente se pode ver reflectida na luz dos espellos, porque a súa natureza escapa ás leis da óptica, e só a palabra é capaz de achegarse a ela e de intuír o que aniña no seu corazón”.

Respecto da obra de Molina, Loureiro concluiu que “responde desde a primeira á última liña ao máis alto grao de esixencia estética”, engadindo que “non ten obra menor ningunha”.

As verbas do ministro

O acto finalizou coas verbas do ministro de Cultura, quen recoñeceu que “hoxe é un día moi especial para min: Vir a Ferrol sempre foi un pracer, pois aquí teño pasado momentos inesquecibles, teño recorrido as súas rúas e prazas, o seu barrio da Magdalena ou o seu Teatro Jofre e, como non, teño participado en faladoiros animados nos seus cafés”.

Asemade, o titular da carteira de Cultura recoñeceu o seu especial cariño pola comarca e se referiu ao Real Coro Toxos e Froles como “un dos mellores exemplos do noso acervo cultural”. Respeto do premio destacou: “Esas mostras de afecto dos ferroláns recíboas en forma dun galardón que simboliza o encontro da literatura coa xeografía: as Letras de Bretaña”. Suliñou as virtudes “deste pequeno pero máxico territorio do que outros ilustres autores escribiron tantas páxinas e que eu modestamente tamén recollín nalgún dos meus escritos”. Por último, sinalou que “todos os que recibimos este galardón e que escribimos sobre esta terra temos unha débeda cos que nos precederon e, en especial, con Alvaro Cunqueiro, quen nos deixou unha grande obra e un espíritu de observación da realidade que hoxe segue sendo unha referencia para todos nosoutros”. O ministro rematou a súa intervención recitando uns versos do seu próximo libro.

Unha vez rematado o acto o alcalde acompañou ao ministro nun percorrido polas rúas do barrio da Magdalena. Foron paradas obrigadas o Teatro Jofre, o Casino ou a sede do Real Coro Toxos e Froles, onde os membros da agrupación lle adicaron unhas pezas musicais e o ministro descubriu unha praca conmemorativa da súa visita.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol