Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Entregado á Unesco o dossier definitivo sobre a Torre de Hércules

A Consellaría de Cultura e Deporte entrega ao Ministerio de Cultura o dossier definitivo sobre a Torre de Hércules. Este documento exhaustivo será remitido á UNESCO e será a base para que este organismo decida se admite ou non a candidatura do monumento galego para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

A Consellaría elaborou o dossier en colaboración co Ministerio de Cultura, o Concello da Coruña e o Instituto Torre de Hércules. Esta documentación complementa a que xa foi enviada no seu día, cando en outubro de 2007 o Consello do Patrimonio Histórirco Español escolleu a Torre como unha das dúas candidaturas que o Estado presentará á UNESCO.

O dossier que agora se entrega inclúe un completo estudo arqueolóxico e histórico da Torre e do seu contorno, e un diagnóstico previo das patoloxías que presenta o monumento desde o punto de vista da conservación. Completan o dossier un apartado bibliográfico extenso, con abundante material escrito e audiovisual, e unha ampla documentación gráfica, con numerosas fotografías e planimetrías. Este material ten por obxectivo resaltar a importancia histórica e cultural da Torre e dar a coñecer amplamente os puntos fortes da candidatura.

O Estado fará chegar á UNESCO o dossier para que este organismo abra a mediados de 2008 o seu protocolo de actuación e decida se admite a candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade. Os técnicos da UNESCO poderían visitar entón Galiza para facer unha primeira avaliación da candidatura. No caso de que a candidatura sexa aceptada por este institución, resolverase a mediados de 2009.

Único faro romano

O principal punto forte da Torre de Hércules é que o único faro romano que segue en activo en todo o mundo. Se ben a súa cuberta exterior e o piso superior proceden dunha restauración de estilo neoclásico rematada no ano 1791, a Torre de Hércules mantén unha parte importante da construción romana orixinal. Esta pode verse en dúas partes: os alicerces e o interior. De feito, a cuberta exterior agocha o faro romano interior, perfectamente conservado e resgardado.

Desta forma a de Hércules supón un testemuño único das torres de sinalización marítima levantadas polas civilizacións da Antigüidade. Trátase dunha mostra da tecnoloxía marítima e das técnicas construtivas romanas, á vez que un vestixio da planificación da navegación a grande escala do Imperio Romano.

Simposio de Faros Romanos

Precisamente para mellorar o coñecemento actual sobre a navegación e a sinalización marítima na época romana e apoiar a candidatura da Torre, a Consellaría de Cultura e Deporte organiza un Simposio Internacional sobre Faros Romanos e Navegación na Antigüidade, que se desenvolverá na Coruña a principios de xuño.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural prepara o programa deste simposio, que reunirá na Coruña a importantes expertos europeos en historia antiga, arqueoloxía clásica e arquitectura, baixo a coordenación de Carmen Fernández Ochoa, catedrática de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid. O programa inclúe conferencias e coloquios nos que a Torre de Hércules será abordada desde varios ángulos.

Trataranse ademais diversos aspectos dos faros romanos e da navegación na Antigüidade, tanto na súa relación co comercio como na súa representación cartográfica. O simposio pecharase cunha mesa redonda sobre os aspectos arqueolóxicos e patrimoniais da Torre, e complementarase cunha serie de visitas relacionadas co ámbito arqueolóxico e histórico da Coruña e o seu contorno.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia