Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Amarante presenta a campaña Xoga Limpo 2008

Imediatamente antes das Olimpiadas de Atenas de 2004 levouse adiante unha das mobilizacións mundiais máis grandes da historia contra as deplorables condicións de traballo. A campaña chamada “Xoga Limpo nas Olimpíadas” estaba composta por unha alianza de unidades de Oxfam, da Agrupación Global Unions (que inclúe á CSI, “Confederación Sindical Internacional” e á FITTVC), á Campaña Ropa Limpia (CRL) e ás organizacións que a compoñene arredor de todo o mundo.

De tal xeito aspírase na actualidade a exercer presión sobre as empresas que producen roupa e calzado deportivo, sobre o Comité Olímpico Internacional (COI), coma sobre os seus comités organizadores e os Comités Olímpicos Nacionais e asemade sobre dos gobernos nacionais, para que se tomen medidas concretas e específicas en aras de poñer fin á explotación e aos abusos aos que se submete ao persoal desta industria, maiormente mulleres.

Os Xogos Olímpicos en cifras

Recadar en cifras exatas o que suporá a celebración dos Xogos Olímpicos é difícil; nembargantes, non se pode negar que serán inxentes as cantidades de diñeiro que chegarán só a uns poucos é que se terán recadado a costa de conculcar os dereitos das persoas que traballan día a día para que o que será o evento máis importante a escala mundial de 2008 saia adiante.

Calcúlase que serán arredor de 800.000 extranxeiros os que se aceguen a Beijing alén do perto dun millón de visitantes de diferentes puntos do país. Por outra banda, tendo en conta que o negocio da roupa deportiva é máis que rendábel, máis ainda nas Olimpiadas, os ingresos do sector serán astronómicos. Un ano despois das celebradas en Atenas no 2004 calculouse que o mercado mundial de calzado, roupa e acesorios atléticos ascendían a 74.000 millóns de dólares. De tal xeito, ademais das grandes multinacionais produtoras de roupa deportiva, tamén organismos coma o Comité Olímpico Internacional e os Comités Nacionais enriquecerán as súas contas con este negocio.

A outra cara das cifras

Mentres unha pequena parte da poboación mundial enche os petos e carteiras de millóns de dólares, unha grande parte representativa da poboación chinesa deixa a saúde nas fábricas por salarios que, lonxe de ser remotamente dignos, non chegan a ser nen tan siquer esmolas. Para ter unha idea das inxustizas que se acometen tomamos os exemplos que a continuación se amosan:

-Unha mochila co logotipo de Beijing 2008 custa 22 euros (240 yuanes), cantidade que contrasta co salario básico das persoas qeu traballan nas fábricas, aproximadamente 2,36 euros por día.

-Do mesmo xeito é denunciábel o feito de que mentres a entrada da cerimonia de obertura das Olimpiadas 2008 terá un custe de 468 euros (5.000 yuanes), unha persoa empregada nalgunha das fábricas do téxtil en China _de calzado deportivo_ debería traballar alomenos catro meses para xuntar tal cantidade de diñeiro.

Todo esto sucede ante os ollos dun impasíbel Comité Olímpico Internacional. Ademais, hai que engadir que estas situacións contraveñen o estabelecido na Carta Olímpica, a norma reguladora do Movimento Olímpico que contén os principios fundamentais, os regulamentos e os textos de aplicación adoptados polo CIO, e que asemade fixa as condicións para a celebración dos Xogos Olímpicos e a participación nos mesmos. O artigo 1 do devandito documento en 2004 decía “o olimpismo é unha filosofía de vida que exalta e combina nun conxunto armónico as cualidades do cuerpo, da vontade e do espírito. Aliando o deporte coa cultura e coa educación, o olimpismo proponse crear un estilo de vida baseado na ledicia do esforzo, o valor dos bos exemplos e o respeito polos principios éticos fundamentais universais”.

Ante isto podemos nos cuestionar se o COI realmente está comprometido coa defensa de tan nobles valores. Estilo de vida baseado na ledicia do esforzo?, bos exemplos? E sobre todo, respeoto polos principios éticos fundamentais universais.

Reivindicacións de “Xoga Limpo”

Malia as múltiples evidencias dos abusos e da vulneración dos dereitos que se cometen nas empresas suministradores dos Xogos Olímpicos, p COI segue a negar que haxa un problema real que, nembargantes afecta a centos de miles de persoas. Así, a campaña “Xoga Limpo” reivindica ante este organismo que segue:
-Unha declaración clara e pública, que se inclúa na Carta Olímpica, que afortale as normas de traballo, polo miudo nas cadeas de suministros de pezas deportivas.

-Incorporar aos contratos de licenza e patrocinio textos vinculantes, é dicer, de obrigado cumprimento, coas cuestións que atinxan ás normas de traballo en tódalas cadeas de suministros das empresas interesadas.

-Estabelecer un mecanismo eficaz que sexa quen de tratar casos de violacións dos dereitos do traballo. Habería de porse a punto cando non se pudiera cegar a un acordo a través do contato direto coas empresas.

-Prender medidas concretas coa fin de que os Comités Olímpicos Nacionais e os comités organizadores dos Xogos adopten e apliquen medidas e disposicións equivalentes.

Do mesmo xeito, a responsabilidade exténdese aos comités olímpicos nacionais e ao Comité Organizador, aos que tamén se lle esixirá:

-Traballar xunto co COI para por a punto o artellamento dun mecanismo necesario para rematar cos abusos e coa explotación.
-Exercer presión sobre as compañías e as empresas que operan nos seus países para que de tal xeito se respeiten e aceiten as demandas da campaña “Xoga Limpo”.

-Chegar a acordos de caráter contratual coas empresas que reciben licenzas para esponsorizar e producer o merchandising dos Xogos Olímpicos e, de tal xeito, que avoguen por unhas condicións de traballo dignas que garantan o cumprimento dos dereitos fundamentais.

Tamén os gobernos e institucións públicas deben se comprometer a por os medios precisos para que non sexan vulnerados dereitos tan básicos coma o de sindicación, reciber un salario mínimo, pagamento das horas extra ou que non haxa explotación infantil entre un largo etcétera.

Conseguiuse en Atenas...

-Algunhas firmas de roupa deportiva coma Asics, Mizuno, Puma e Umbro responderon de xeito positivo e serio ás demandas da campaña. Asumiron a súa responsabilidade social. Malia que con outras marcas (Fila, Kappa y Lotto) se estabeleceron contatos, aínda estas non se comprometeron a participar de xeito significativo.

-Outras empresas que lideran o mercado de roupa deportiva coma Nike, Adidas ou Reebok recoñeceron abertamente que actualmente non son quen de garantir o cumpiimento das demandas da campaña.
-Nembargantes, hai empresas que xa traballan por acadar mellorar o eido dos dereitos de traballadoras e traballadores e para a posta a punto de práticas axeitadas.

-Malia que “Xoga Limpo” céntrase nas compañías produtoras de roupa deportiva, a devandita campaña chegou a se converter en referente para o resto da industria textil; de feito, encádrase dentro da Campaña Roupa Limpa.

-En calquer caso, o efeito da compra de artigos deportivos nas condicións de traballo aínda se deben abordar coas empresas de maneira individual e coa industria produtora en xeral.
A cruda realidade.

A comezos do pasado ano 2007 un investigador de “Xoga Limpo” recorreu diversas empresas Chinas implicadas no merchandising para os Xogos Olímpicos, co obxectivo de recadar información direta arredor das prácticas de emprego e das condicións de traballo. Os resultados, desalentadores, amosan a realidade á que se debe enfrentar as empregadas e empregados das fábricas.

Concretamente foron visitadas as seguintes empresas: “Lekit Stationery Co. Ltd”, “Yeo Wing Cheong Light Products (Censen) Co., Ltd”, “Eagle Leather Products Co., Ltd” e o grupo “Mainland Headwear Holdings Limited”.

Constatouse o seguinte:

1. Contratación de menores
2. Non se fan contratos nen se rexistra a man de obra (traballadoras/os)
3. Xornadas laborais excesivamente longas e horas extraordinarias forzosas, de 12 a 13 horas
4. Salarios por embaixo do mínimo legal: se o salario mínimo é de 690 yuanes por unha xornada de 8 horas e unha semana de cinco días de traballo, algúns empregados destas empresas perceben 450 yuanes traballando 26 días ao mes e facendo obrigatoriamente 4 horas extra ao día incluidas no salario
5. Demoras no pagamento dos salarios
6. Multas irracionais e deducións dos salarios. Por exemplo, por se demorar máis de 15 minutos para ir ao baño, descóntanse 20 yuanes do salario.
7. Falla de pagamento da seguridade social e de outras prestacións legais
8. Falla de seguridade no traballo
9. Non hai baixa por maternidade; as mulleres que acaban de ser madres somentes poden solicitar unha licenza non remunerada
10. Non hai sistemas de fortalecemento nen representación sindical
11. Dificultades para renunciar. Se traballadoras e traballadores deixan o seu posto de traballo non perciben o que lles corresponde
12. As empresas enganan aos inspetores que envían os clientes

A continuación, adxúntase algúns dos testimonios de empregadas e empregados recollidos ao largo da investigación:

“¡Estabamos tan agotadas tratando de rematar os “bolsos olímpicos” a tempo! Todas tíñamos que ficar traballando até moi tarde, e ao día siguiente, o mesmo! tíñamos que ir traballar ás 7,30! Isto non é vida!”

“Por suposto que ninguén usa luvas de proteción aquí! Usando luvas, o ritmo de traballo diminuiría e o supervisor pensaría que a persoa está a se mostrar arrogante. Se alguén quer usar luvas, que nen pense que vai poder traballar aquí!.” (Non lle doen as mans?) “Por suposto que me doen! Inclusive me doen ainda que as meta na auga. Mais cando as meto na auga é pior. Dóenme tanto as mans cando lavo a roupa con deterxente... O deterxente entra nas feridas e queima tanto que me fai chorar. ”

“Incluso cando temos feito con dilixencia 160 horas extraordinarias, o noso xefe somentes paga 70 horas a 1,5 do índice salarial normal. Ise é o tope que fixa. Estamos todos moi enfadados por isto pero, qué podemos facer? Xamais se nos pagou axeitadamente. As restantes 90 horas extraordinarias páganse ao índice habitual de somentes 2,16 yuanes por hora.”

Amarante