Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Inaugurada unha biblioteca para adultos especializada en temas do mar

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, inaugurou, na localidade coruñesa de Cabo de Cruz, unha biblioteca de lectura para adultos especializada en temas de mar, acuicultura e medio ambiente. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Agrupación de Mexilloeiros “A Boirense” ao amparo da Orde do 6 de marzo de 2007 da Consellería de Pesca pola que se establecen as bases e se regula a concesión de axudas para proxectos de promoción sociocultural e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro.

Polo tanto, esta actuación contou co apoio da Administración pesqueira galega e, de feito, o departamento que dirixe Carmen Gallego aportou máis de 82.000 euros para a posta en funcionamento da biblioteca. Dese montante, un total de 76.323 euros destináronse á adquisición de equipos informáticos, mobiliario de oficina, libros e programas de navegación virtual. Mentres que os 6.000 euros restantes corresponden a un fondo de desafío co que a Consellería iguala as aportacións feitas polas entidades privadas que contribúen ao financiamento do proxecto, neste caso con outros 6.000 euros. Ademais, Pesca doou unha colección das publicacións da Consellería integrada por uns 30 libros.


A finalidade da iniciativa impulsada por “A Boirense” é colaborar na formación dos asociados en xeral, especialmente na consecución de titulacións de identidade profesional náutico pesqueiras (mecánicos navais, patrón costeiro polivalente, permisos de marisqueo, etc.). Así mesmo, preténdese incrementar a capacidade cultural dos socios da Agrupación e as súas familias, á vez que se espera que a biblioteca se conforme nun medio de consulta tanto para asociados como empregados de “A Boirense”.

No acto desta tarde tamén estiveron presentes o Alcalde de Boiro, Xosé Deira; a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares; e o presidente de “A Boirense”, José Ríos. Ademais, asistiron á inauguración outros representantes da Administración pesqueira galega e do Concello, así como directivos e asociados da Agrupación.


Dinamización das comunidades pescadoras

A posta en marcha da biblioteca impulsada por “A Boirense” fíxose ao amparo da Orde do 6 de marzo de 2007 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Esta normativa foi convocada para incentivar a realización, por parte das entidades do sector e das comunidades pescadoras, de proxectos participativos de promoción sociocultural coa proxección suficiente para contribuír a dinamizar as rexións do noso litoral.

Estas iniciativas teñen que ter finalidade formativa, turística, ambiental, cultural, social ou de recuperación de valores ou tradicións e poden ser promovidas, entre outros, por confrarías de pescadores e as súas federacións; organizacións de produtores pesqueiros; asociacións de mariscadores ou outros profesionais do sector; ou fundacións, agrupacións e institucións sen ánimo de lucro que realicen a súa actividade en Galicia.

A promoción destas axudas reside no feito de que a Consellería de Pesca entende que é necesario promover a dinamización das comunidades de pescadores mediante a interacción de accións e programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social dos mariñeiros. O obxectivo último é acadar unha pesca responsable e asegurar un futuro de benestar económico, así como a dignidade social desta profesión.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia