Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Igafa e a Escola de Hostalería Villamarín de Ourense promoven un intercambio de alumnado

As instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, foron visitadas polos alumnos da Escola de Hostalería e Restauración Villamarín de Ourense. Esta visita enmárcase no intercambio de alumnado que promoven os dous centros a iniciativa dos estudantes do ciclo superior de Acuicultura do Igafa.

Deste xeito, os alumnos da Escola de Hostalería e Restauración Villamarín asistiron hoxe a diferentes conferencias sobre acuicultura relacionadas cos proxectos que están realizando os estudantes do Igafa, á vez que aproveitaron a visita para facer un percorrido polo centro situado na Illa de Arousa. Con esta actuación, preténdese entrar en contacto con potenciais clientes e que os futuros restauradores coñezan de preto o mundo da acuicultura.

A outra parte do intercambio celebrarase o martes 26 de febreiro, cando a trintena de alumnos do ciclo superior de Acuicultura do centro da Consellería de Pesca se trasladen á localidade ourensá de Villamarín para visitar a Escola de Hostalería. Alí participarán en talleres de cociña e na elaboración e degustación de diferentes menús.

Aínda que é a primeira iniciativa deste tipo que se desenvolve dende o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, confíase en que o intercambio será moi frutífero e non se descarta repetir a experiencia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia