Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ferrol celebra en abril cinco días de Feira do Libro

A concelleira de Educación e Campus, Mercedes Carbajales, avanzou o grosso das accións que o departamento que dirixe está a programar con motivo da XIX Feira do Libro de Ferrol, que se vai a desenvolver no Cantón de Molíns o mes de abril. Así as cousas, e segundo destacou a edil, “entre o 23 e o 27 celebraremos unha feira aberta e participativa, que pretende implicar a toda a sociedade ferrolá, dende os máis pequenos ata os maiores e cun obxectivo: incrementar o amor polos libros”. Asemade, Carbajales subliñou que a organización do evento estáse a consensuar coa Asociación de Libreiros da cidade cos que, segundo apuntou, existe “unha total sintonía e coincidencia” e que prestaron unha colaboración “total e absoluta dende o primeiro momento”, engadiu.

Neste senso, a responsable en materia educativa da Administración Local explicou que o seu departamento ten previsto instalar unha carpa institucional xunto aos stands dos libreiros co fin de celebrar diferentes actos e actividades de fomento da lectura no seu interior. Tamén abrir unha caseta para divulgar as actividades que se están a programar dende a Biblioteca Municipal. E ao fío deste asunto, Mercedes Carbajales apuntou que o Concello traballa con previsión e que xa ten pechada parte da programación que se vai a levar a cabo durante os cinco días da feira. Entre eles, a edil desvelou que a compañía Artello porá en escea a obra dirixida a nenos “Unha de amor”. Esto será no Teatro Jofre. No exterior, alumnos do conservatorio de música levarán a cabo diversos concertos ao ár libre.

Outra das actividades programada inclúe a presentación do libro de Paula Carballeira “Boas Noites”, dirixido ao público infantil e que nesta ocasión virá acompañado dunha sesión de contacontos musicada. Pola súa banda, o escritor ferrolán Antón Cortizas dirixirá un obradoiro de papiroflexia para os alumnos de 5º e 6º de Primaria, mentres que os integrantes do Clube da Chave de Ferrolterra teñen previsto participar nesta edición da Feira do Libro cunha exhibición deste xogo tradicional.

Por outra banda, a concelleira de Educación amosou a súa intención de involucrar aos centros educativos nesta acción promovendo a visita do seu alumnado á feira. Deste xeito, segundo dixo a edil, “intentaremos que teñan un contacto directo coa oferta bibliográfica de hoxendía e que participen dos diferentes actos programados”. Asemade, Mercedes Carbajales xa adiantou que a oferta se irá enriquecendo durante as vindeiras semanas con novas actividades e que o seu departamento ten previsto regalar exemplares entre o público infantil e xuvenil para inculcar o hábito da lectura.

Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol