Novo paso adiante para a organización do Campeonato do Mundo de Hóckey a Patíns

A conselleira aproveitou a súa presenza en Vigo para desexarlle a mellor das sortes á cidade neste importante momento, no que está a loitar por converterse en sede da Universiada 2013: “Este mundial debe servir como anuncio para dicirlles que somos quen de organizar grandes eventos, que imos facer un gran traballo e que por organización e apoio social teremos un grande éxito”.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinou un protocolo de colaboración co Concello de Vigo, na persoa do tenente de alcalde, Santiago Domínguez, co presidente da Comisión Xestora da Real Federación Española de Patinaxe (RFEP), Carmelo Paniagua, e o presidente da Federación Galega de Patinaxe, Enrique García Raposo, co obxecto de iniciar o proxecto de organización deste evento.
Pola súa parte, Santiago Domínguez amosou a súa “satisfacción porque unha vez máis” Vigo vai poder demostrar a súa capacidade organizadora” e asegurou, en relación á cita deportiva, que “non imos defraudar”. Ademais o tenente de alcalde recordou que Vigo ten unha relación moi especial co hóckey a patíns, grazas ao torneo Cidade de Vigo (que cumpre 25 anos neste momento) e o club Vigo Stick.
O presidente da Federación Española de Patinaxe, Carmelo Paniagua, agradeceu a presenza da conselleira no acto e volveu a asegurar que “o Mundial de Hóckey sobre Patíns de 2009 vai ser o mellor Mundial da historia”. Pola súa parte, o presidente da Federación Galega, Enrique García Raposo, destacou o programa que realizará, xunto coa Dirección Xeral para o Deporte, para promover este deporte.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia