Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O facho olímpico galego parte o 3 de abril dende a Torre de Hércules

Comeza a conta atrás para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Beijing e Galiza estará alí, representada por deportistas con opcións de lograr cousas importantes, de darnos alegrías, a facernos vivir momentos de ledicia a emocionarnos a facernos partícipes dos seus éxitos.

E para dar ese punto de saída, a Consellería de Cultura e Deporte quere unir unha vez máis os dous sectores que aglutina (cultura e deporte) e organiza o noso particular percorrido co facho olímpico galego que parte dun lugar emblemático: A Torre de Hércules, candidata para ser elixida Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Así o día 3 de abril, a partir das 17:00 horas, partirá o facho galego dende a Torre de Hércules portado por deportistas de onte, de hoxe e de mañá, olímpicos/as galegos/as, deportistas con opcións de acadar a súa primeira participación olímpica, nenos e nenas das escolas municipais da Coruña. Será case catro kilómetros de percorrido dende a Torre de Hércules ata a explanada do Pazo dos Deportes da Coruña, onde estará colocada a carpa “Galiza, nos xogos olímpicos de Beijing” e onde será presentado o programa da Dirección Xeral para o Deporte para dar a coñecer as Olimpiadas, as diferentes modalidades deportivas e aos e ás nosos/as deportistas que estarán presentes en Beijing ou que estiveron noutros xogos.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia