O Comité de Árbores Senlleiras inclúe no catálogo catro novos exemplares

Estes novos exemplares foron seleccionados por unanimidade dos membros do comité entre as 45 solicitudes presentadas, nunha reunión celebrada onte. Os membros do comité valorarán en vindeiras semanas a posible inclusión de novos exemplares no Catálogo de Árbores Senlleiras, que actualmente recolle 106 árbores e 21 formacións arbóreas.
Os exemplares e formacións que finalmente non sexan incluídos no catálogo poderán quedar protexidas mediante outros instrumentos de carácter local (catálogos municipais, plans de ordenamento) ou outras figuras de protección da natureza (como as de Espazo Natural de Interese Local ou Espazo Privado de Interese Natural) ou ben mediante protección de patrimonio cultural. Ademais, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza conservará toda a información sobre as especies propostas, que poderá ser utilizada para a elaboración doutros catálogos ou do inventario de exemplares no que actualmente está a traballar.
Composición do Comité
Cabe lembrar que o Comité de Árbores Senlleiras é un órgano consultivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, constituído por representantes de diferentes institucións, entre eles das consellerías de Medio Ambiente, Cultura e Medio Rural e das tres universidades galegas, ademais de varios expertos, que son os encargados de valorar as solicitudes recibidas en base a criterios morfolóxicos, históricos, culturais, estéticos e paisaxísticos, co obxectivo de seleccionar a mellor representación das diferentes especies arbóreas a nivel autonómico.
Sinalización
Co obxectivo de promocionar e recoñecer as árbores senlleiras de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente ten previsto sinalizar cunha placa cada un dos exemplares incluídos no catálogo, recollendo na mesma as características que os distinguen, e ademais entregará un diploma acreditativo as seus propietarios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia