Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta levará a Arxentina cadros de Laxeiro

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou que o Goberno galego vai colaborar coa Fundación Laxeiro con motivo do centenario do artista. Sinalou o respaldo da Xunta á publicación dun catálogo universal que recolla a obra de Laxeiro, e do que se editarán 10.000 exemplares. O máximo mandatario galego realizou este anuncio esta mañá na cidade olívica, despois de reunirse co presidente e cos membros da Fundación Laxeiro e de realizar unha visita á sede desa fundación e percorrer as súas instalacións.

Pérez Touriño eloxiou a figura e a obra pictórica de Laxeiro e sinalou que o seu legado converte a este artista nun dos máis representativos da arte galega do século XX. O presidente anunciou a súa vontade de, na viaxe institucional do próximo mes de maio, levar a Arxentina unha escolma de cadros deste pintor, que durante unha etapa da súa vida viviu na capital arxentina, que serán expostos no marco dunha mostra colectiva. O presidente galego tamén puxo en valor a íntima ligazón do artista con Vigo e felicitou á cidade olívica por poder contar “con unha fundación como esta”, que recolle todo o legado do artista.

O xefe do Goberno autonómico realizou un percorrido polas instalacións da Fundación Laxeiro, que conta con un fondo permanente de 64 obras doadas polo artista á cidade de Vigo, organizadas de xeito cronolóxico e entre as que figuran lenzos como Carnavalada, Carrotón de nenos, Trasmundo ou Autorretrato. Ademais, Pérez Touriño puido ver a exposición Debuxos Inéditos VI: Anatomías , composta por 22 pezas datadas entre os anos 1931 e 1980 que ofrecen unha visión da faceta dibuxística de Laxeiro.

Xantar con representantes do mundo da cultura

Despois da visita á Fundación Laxeiro e da xuntanza mantida co presidente e cos membros desta entidade, o máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, mantivo un xantar de traballo con representantes do mundo da cultura que desenvolven o seu labor en Vigo, e entre os que houbo compositores e directores de orquestra, profesores universitarios, promotores musicais, escritores, artistas plásticos, arquitectos, ensaístas, editores, dramaturgos e xornalistas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia