Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pesca investirá un millón de euros no bieno 2008-2009 en promoción sociocultural

O Consello da Xunta autorizou hoxe o compromiso de gasto plurianual da orde pola se establecen as bases e se regula o proceso de concesión das axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro no período 2008-2009. Así, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos destinará, con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, un total de un millón de euros á devandita actuación, dos que 500.000 serán para o actual exercicio e outra cantidade igual, para o ano que vén no caso daquelas solicitudes cuxo prazo de execución supere o ano 2008.

Con estas subvencións quérese incentivar a realización, por parte das entidades do sector, de actuacións participativas de promoción sociocultural con finalidade formativa, turística, ambiental, cultural, social ou de recuperación de valores e tradicións para contribuír á dinamización das comunidades pescadoras. Esta medida responde ao éxito da convocatoria de 2007, que confirmou a importancia destas iniciativas para a diversificación das rexións do noso litoral.

Deste xeito, as axudas permitirán financiar proxectos que teñan como obxectivo formar pescadores, mulleres do mundo do mar ou mozos en áreas de coñecemento relacionadas coa pesca e a súa tecnoloxía; nas novas ferramentas de comunicación e da información nos seus aspectos de aplicación á pesca e á navegación; ou na diversificación económica das zonas dependentes da extracción de recursos do mar. Pola contra, serán excluídas aquelas accións formativas que oferte a Administración en calquera das súas modalidades.

Tamén se poderán acoller ás axudas aquelas iniciativas orientadas a restaurar e recuperar elementos do patrimonio marítimo, en xeral, e da pesca, en particular, tanto mobiliario como inmobiliario, así como a súa posta en uso. Así mesmo, estarán amparadas pola orde as accións culturais e medioambientais vinculadas ao mar que cumpran os requisitos esixidos.

Por outra banda, cabe sinalar que poderán acceder a estas subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións; as organizacións de produtores pesqueiros e as súas centrais sindicais; e as agrupacións de acuicultores, mariscadores ou outros profesionais do sector marítimo-pesqueiro e as súas federacións. Ademais, poderán beneficiarse das axudas asociacións declaradas de utilidade pública, fundacións e institucións sen ánimo de lucro que teñan a súa sede en Galicia e realicen a súa actividade na nosa comunidade sempre que desenvolvan o proxecto en colaboración ou coa participación significativa de pescadores ou as súas organizacións, acreditada documentalmente. Neste apartado, quedan descartadas as persoas físicas, as empresas, as corporacións locais e as entidades con fins docentes, tanto públicas como privadas.

Requisitos dos proxectos

As actividades que poden optar a estas axudas terán que ser de nova creación ou segundas fases ou ampliacións das xa iniciadas. Ademais, entre os requisitos esixidos atópase que no caso de actuacións sobre inmobles, estas estarán ligadas a un uso posterior destes dentro das finalidades do proxecto e que o ámbito territorial de execución das accións non excederá o da nosa comunidade autónoma.

Así mesmo, estas subvencións non poderán destinarse á realización de congresos, xornadas técnicas, reunións científicas ou similares; actos conmemorativos ou festivos; actividades de promoción de produtos e festas gastronómicas; iniciativas que teñan como obxecto único a celebración ou produción de espectáculos; ou proxectos editoriais.

Pola súa banda, o orzamento non debe ser inferior aos 15.000 euros nin superior aos 96.000 euros e o prazo de execución non poderá superar o 30 de novembro de 2008. Neste punto, cabe sinalar que aos 500.000 euros que, para este ano, achegará Pesca, ao amparo da futura orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG), súmanse outros 450.000 euros que destina a Consellería de acordo cunha orde tamén de promoción e divulgación sociocultural do sector pesqueiro para o bienio 2007-2008.

En canto aos gastos subvencionables, poderán incluírse os investimentos en inmobilizado, así como os de contratación de servizos ou persoal, todos eles cando sexan necesarios para a execución do proxecto. Tamén serán considerados gastos elixibles os de funcionamento derivados da realización da actividade e os de convocatorias e premios concedidos pola entidade ou de apoio ao voluntariado.

Diversificación das zonas de pesca

Con esta medida, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quere promover a dinamización sociocultural das comunidades pescadoras mediante programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social desta profesión (económicos, sociais, ambientais, biolóxicos e culturais) para acadar unha pesca responsable, así como para lograr unha maior consideración social dos traballadores do mar e para incidir na súa formación a través dunha participación activa.

A promoción do patrimonio sociocultural apóiase na realización de proxectos de recuperación e divulgación, de formación, de educación ambiental e outros que teñen como finalidade contribuír a unha maior revitalización das comunidades do litoral. Ademais, considérase que a participación nas iniciativas non debe limitarse unicamente aos propios pescadores, senón que ten que abrirse á sociedade en xeral, a través da participación de entidades de tipo asociativo e da implicación das empresas mediante apoio económico e institucional.

É por isto que, no epígrafe relativo á contía das axudas, inclúese a figura do fondo de desafío como forma de ligar as empresas co seu entorno, xa que os proxectos poderán ter un financiamento adicional aos 96.000 euros máximos sempre e cando consigan contribucións polo mesmo importe procedentes de compañías da zona que se impliquen na realización da actuación. Aínda así, a concesión do fondo de desafío non pode condicionar o desenvolvemento do proxecto e será dedicada a actividades complementarias ás principais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia