A Xunta garante que ningún proxecto viable quedará sen financiamento en Galicia

O impulso da Xunta a T-Solar Global, segundo explicou o conselleiro, realízase nun triple sentido. En primeiro lugar, co apoio directo do Igape cunha achega de 5,84 millóns de euros. En segundo lugar, cun aval financeiro tamén do Igape, sobre o 50% dun préstamo de 20 millóns de euros; e en terceiro lugar, cunha participación no capital social do 29% a través de Xesgalicia, a xestora de capital risco participada pola Xunta. “Trátase dun bo exemplo do apoio ao financiamento empresarial que estamos a impulsar dende a Xunta”, explicou o conselleiro. Nesta liña, engadiu, enmarcans3 os convenios con entidades como o ICO (máis de 450 millóns de euros), ou o BEI (30 millóns de euros) para o financiamento en condicións de xuro moi vantaxosas; ou as liñas de préstamos do Igape (40 millóns de euros), as de avais, e as de capital risco (85 millóns de euros).
Proxecto Legufrut
Neste último ámbito, o conselleiro anunciou a recente aprobación por parte de Xesgalicia dunha operación de apoio a un proxecto en Ourense. Trátase da construción dunha planta manipuladora de produtos hortofrutícolas na Central de Transportes en San Cibrao das Viñas (Ourense), promovida pola firma Legufrut. Neste proxecto participará a firma de capital risco pública cunha achega ao capital de 250.000 euros a través do Fondo Emprende. Segundo explicou o conselleiro, o proxecto pode ter unha incidencia moi positiva nas comarcas hortícolas galegas, dinamizando as alternativas de cultivo e mellorando a calidade dos produtos. De feito, a firma pretende chegar a acordos estables con 250 pequenos horticultores que cultivan 75 hectáreas en invernadoiro e ao aire libre.
Na actualidade Legufrut posúe unha flota de 8 camións propios e un equipo de 27 traballadores. Coa nova planta perséguese a homologación e normalización do produto galego, a través do asesoramento e planificación da actividade nas explotacións agrarias levadas a cabo por persoal técnico altamente cualificado de Legufrut. Neste sentido, o agricultor poderá destinar a totalidade dos seus recursos a produción, racionalizando e optimizando os investimentos e incrementando a súa produtividade. Ademais, disporán dun centro loxístico de transporte que permita a recollida de produto en calquera punto de Galicia, a súa almacenaxe, transformación e distribución final, tanto a nivel autonómico, como nacional e internacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia