A USC recupera a primeira edición de La casa de la Troya

A USC recupera con esta obra a primeira edición de La Casa de la Troya. Estudiantina (Madrid, Librería de la Viúda de Gregorio Pueyo) dado que, como explica a responsable deste novo texto, ata os nosos días se tiña perpetuado nas librarías a 48 edición -a última revisada polo autor- “con sensibles modificacións estilísticas”.
A publicación presentouse no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no que participaron os vicerreitores de Cultura e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Elias J. Torres e José Manuel Mayán; a editora da obra, Ángeles Gómez; e o director do Servizo, Antonio Azaustre. Asistiron ademais ao acto compañeiros e amigos da responsable da edición así como numerosos membros do Padroado da Casa da Troia
A obra
Na Galicia de finais do XIX sitúa Pérez Lugín a historia de Gerardo Roquer e Paz, un mozo madrileño que marcha a Santiago para rematar a carreira de Dereito. Alí instálase na pensión da Troya, onde cun grupo de estudantes bromistas, tunantes e namoradizos, descubre o ambiente universitario compostelán. Será o contacto cos «troyanos», o namoramento de Carmiña Castro Retén e as viaxes por terras galegas os que provoquen un radical cambio de actitude. A Galicia pobre, atrasada e agonizante vólvese ante os seus ollos unha rexión rica, moderna e próspera.
Á marxe da súa sinxeleza argumental e da cuestionada calidade literaria da novela dada a combinación de elementos costumistas, posrománticos e folletinescos, a obra gozou na época da aceptación do público e a crítica coetánea. Desde 1915 sucedéronse numerosas edicións e La casa de la Troya continuou conseguindo éxitos nas adaptacións teatrais e cinematográficas, tanto en España como en América.
A edición de Ángeles Gómez que hoxe se presenta actualiza os argumentos textuais e literarios da obra e o seu autor -rexionalismo, costumismo, tradición e renovación, devir editorial, autoría cuestionada…-, situándoos nunha dimensión crítica. Na transcrición do texto pretendeuse ser escrupulosamente fiel ao orixinal, emendando só os erros e erratas evidentes e modernizando a ortografía e puntuación.
Ángeles Gómez Abalo
A licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Románica pola USC Ángeles Gómez Abalo (1973) comezou o seu labor docente na Universidade Católica do Porto (Portugal). Dende 2004 é profesora de Lingua e Literatura Española no I.E.S. Severo Ochoa de Madrid.
É ademais membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago, no que colaborou en numerosos traballos colectivos como as Actas Valle-Inclán (1898-1998): Escenarios ou as edicións facsimilares das revistas Café con Gotas e La joven Galicia. Polo seu estudo «Farsa y licencia de la reina castiza» de Ramón del Valle-Inclán: génesis, construcción y sentido obtivo o accésit ao Premio de Investigación Valle-Inclán (Pontevedra 2004) e polo proxecto para Educación Secundaria La ayuda entre iguales: una propuesta para la convivencia gañou en 2005 o primeiro premio do II Certamen Madrid, Encrucijada de culturas.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)