Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Estudantes da USC defenden a igualdade entre homes e mulleres

Estudantes de Ciencias da Educación mostraron as desigualdades entre homes e mulleres con dúas performances na Praza do Obradoiro. A primeira actuación consistiu na mestura de cores en ‘Pintemos pola igualdade’ e a segunda, titulada ‘¿Evolución ou encasillamento?’, centrouse no intercambio de vestimentas de traballo e xoguetes cos que se socializa a homes e mulleres.

Repetindo a experiencia do ano pasado, Jorge Marín volve coordinar aos alumnos da materia ‘Socioloxía dos Roles de Xénero’ para actuar contra a violencia de xénero e as desigualdades os luns, mércores e xoves do mes de maio. A seguinte sesión, ‘Ablación Xenital Feminina’, celébrase o xoves, día 8, ás 10:00 horas na Alameda de Santiago, entre a estatua das Marías e o Paseo dos Leóns.

Representarase ‘Violencia de Xénero: construción social’ o luns 12 ás 9:00 horas no Cemiterio de Bonaval, ‘Orde Falocéntrico’ na Rúa do Vilar o mércores 14 ás 17:00 horas, e ‘Discriminación laboral’ o xoves 15 a partir das 10:00 na Praza do Toural.

O resto do mes continuará con ‘El estado contra Mr. Smith’ na Praza das Praterías, ‘Desagüe Consumista’ en Xeneral Pardiñas, ‘Violencia Familiar’ ou ‘Enfermos da sociedade: ¿vítimas ou verdugos?’ na Praza Roza, entre outras.
Noa Díaz (Gabinete de Comunicación da USC)