Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia estrea imaxe e web

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que se vai celebrar do 19 ao 26 de xullo, conta na súa 24ª edición con nova imaxe e cunha páxina web que xa está operativa. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Ribadavia, Anxo Collarte, e o director da MIT, Rubén García, presentaron na estación de tren da vila ourensá o novo estilo do evento, e anunciaron a apertura da convocatoria para o Premio Abrente de Textos Teatrais.

O Premio Abrente, contará neste terceiro ano de existencia cunha dotación económica de 3.000 euros para o gañador. Os orixinais, escritos en galego, deberán facerse chegar ao Concello de Ribadavia antes do día 30 de XXXX. Collarte destacou que os Abrente son “un dos galardóns máis importantes do panorama da escrita teatral”, que premian a creatividade dos autores novos.

As bases do Premio Abrente, coma o resto da información relativa á MIT, poderán consultarse na web www.mitribadavia.com, que funciona desde hoxe na súa versión renovada. A nova imaxe da MIT é a da compañía local Teatro do Vilar, retratada na estación de trens con indumentaria propia dos anos corenta. “Sempre quixemos que os carteis da Mostra tivesen unha impronta forte, e este ano quixemos que estivesen presentes tanto a vila coma os seus teatreiros”, explicou Rubén García, para quen a imaxe “reflicte as idas e vidas das xentes do teatro, as que viñan hai anos a facer as súas representacións ata o Cine Europa, o Cine Río ou as prazas”.

A programación, case pechada

A web da MIT centralizará desde hoxe a información relativa ao evento. Nela darase a coñecer a programación para este ano, que practicamente está pechada, e que, como ocorre desde hai 24 anos, aposta pola programación de actores vivos e obras recentes, combinando os grandes nomes co teatro máis rompedor. A Casa da Cultura, as igrexas, as prazas, as rúas e o castelo de Ribadavia converteranse durante máis dunha semana nun gran escenario no que o público poderá gozar non só cos espectáculos, senón tamén coa historia e os atractivos turísticos da vila.
www.mitribadavia.com