Xa están na rede dous blogs de fotografía e cociña de Teo

Na bitácora do concurso de fotografía xa están subidas as fotografías que participan no mesmo. Nestes momentos xa se poden ver algúns exemplos interesantes de imaxes de Teo. Destacan as fotos onde aparece a arquitectura tradicional e relixiosa, ademais de costumes e paraxes naturais.
Para participar no concurso Inspírate do galego só hai que facer unha foto dixital dalgún lugar do concello e enviala a concursoteo@gmail.com. As fotos deben ir acompañados do nome e apelidos, data de nacemento e número de teléfono do concursante. As tres imaxes gañadoras recibirán unha memoria usb.
Dende a Aula de Informática tamén se puxo en marcha unha bitácora sobre cociña. Dúas usuarias da aula, unha delas de máis de 60 anos e a outra de máis de 80, confeccionaron un blog no que recollen receitas de cociña e todo o relacionado coa gastronomía propia da comarca.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información colabora co concello de Teo. Actualmente a Aula de Informática do concello de Teo conta cunha dinamizadora da Sociedade da Información, Marta Vázquez, en horario de mañá de 10,00 horas a 15,00 horas e de tarde entre as 16,00 e as 21,00 horas. O seu enderezo de correo electrónico é: marta.teo@dinamiza.sociedadedainformacion.eu
A iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axudará a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. A Rede conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Cruz Devesa (Departamento de Comunicación do Concello de Teo)