Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Arcebispo de Santiago invita a reforza-los lazos de comuñón para estar preto dos alonxados

O Arcebispo de Santiago, D. Xulián Barrio Barrio, invitou hoxe a unha profunda experiencia de comuñón con Cristo Eucaristía para que a Igrexa sexa un testemuño auténtico. Na Catedral de Lugo, despois da ofrenda do Antiguo Reino de Galicia realizada polo alcalde de Betanzos, D. Xulián Barrio respostou: Temos que reforza-los lazos da comuñón que nos levan a estar preto dos que nos sentimos alonxados por uns ou outros motivos, traballando polo ben común para que a nosa comunidade eclesial, política, social, cultural e económica se vexa liberada dos males externos e internos que a aqueixan coma a inmoralidade, o egoísmo e a insolidariedade.
Deste xeito, o arcebispo compostelán tivo unhas verbas explícitas para a tragedia dos lumes que asolan a nosa comunidade. Ante os moitos lumes que están a destruir grandes extensións forestais nestes días, quero lembra-la grande responsabilidade ética e moral que temos de custodia-la natureza evitando o desequilibrio ambiental que nos ameaza. Cando o home suplanta a Deus, provoca a rebelión da natureza, mais ben tiranizada que gobernada por el. Ante a natureza visible estamos sometidos a leis non só biolóxicas senón tamén morais, e a súa transgresión non fica impune, asegurou ante os fieis que participaron na solemnidade do Corpus en Lugo.
No día da Eucaristía, D. Xulián Barrio explicou que ó comparti-lo pan o home volve á experiencia divina que o leva a comprometerse con servicio dos pobres, coa dignidade da persoa humana, coa defensa da vida, cos enfermos e os anciáns, os marxinados e inmigrantes. Esta experiencia inclina ó home a estar preto das víctimas de calquera violencia, a traballar pola paz e a axudar a quen non coñece a Cristo a abrirse ó don da fe.
Porque para o Arcebispo de Santiago canto máis se baleira o mundo de Deus, máis necesidade hai de consumismo máis facilmente se cae no fanatismo, e máis se baleira o mundo de ledicia.
Para rematar, invitou á Igrexa a traballar pola liberación positiva do home na nosa comunidade galega e no noso mundo. A carón do Pan e do Viño, que serán transformados no Corpo e no Sangue de Cristo, poño a ofrenda das nosas xentes de Galicia coas súas inquedanzas e esperanzas. Pido pola Familia Real, por cantos nos gobernan, polas nosas Dioceses, polas nosas xentes do mar, recentemente probadas coa morte dos mariñeiros de “O Bahía”, polos veciños de Betanzos, e mais polos veciños desta querida cidade de Lugo, por Vostede, Sr. Oferente, e pola súa familia, para que o Señor Sacramentado vos abenzoe e vos guíe polo camiño da vida, indicou.
Secretaría de Medios de Comunicación - Arzobispado de Santiago de Compostela