Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O próximo mes de setembro, Baiona acollerá por primeira vez a celebración dun Curso de Verán organizado coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP)

A temática vaise centrar na análise do renacer económico e político de América Latina. O curso é froito da colaboración entre o IGADI e o Concello de Baiona. Precisamente o director do IGADI, Xulio Ríos, exercerá como director e ponente deste Curso que atraerá a participación de numerosos analistas e especialistas de primeira liña.
Está confirmada a participación de Joaquín Estefanía, director da Escuela de Periodismo de El País e habitual columnista da súa sección de Economía; tamén de Guillermo de la Dehesa, presidente do Centre for Economic Policy Research; Fernando González Laxe, catedrático da Universidade da Coruña e ex presidente da Xunta de Galicia; Manuel Montobbio, embaixador en Misión especial; José Antonio Alonso, director do Instituto Complutense de Estudios Internacionais; Carlos Malamud, responsable de América Latina no Real Instituto Elcano de Estudios Estratéxicos; Abel Losada, catedrático da Universidade de Vigo; e José Antonio Fernández, analista especializado en América Latina, e colaborador da revista Política Exterior. Amador de Castro, empresario galego con inversións en América Latina, aportará a súa propia experiencia persoal.
O curso, que se desenvolverá do 13 ao 15 de setembro en Baiona, afondará nos procesos de integración en curso en América, os retos do comercio transatlántico ou as expectativas de evolución rexionais, con atención ás problemáticas de naturaleza económico-financeira, social e política.
O curso foi presentado no día de hoxe coa participación de Carlos de la Peña, alcalde de Baiona, Xosé Fortes Bouzán, delegado da UIMP na provincia de Pontevedra, e Xulio Ríos, director do IGADI.
As institucións involucradas afirmaron a súa vontade de repetir esta iniciativa, asentándoa como unha cita cultural que complemente a oferta lúdica que Baiona ofrece durante a temporada estival. Asi mesmo, dados os vinculos históricos de Baiona con América, a problemática deste continente nas súas diferentes manifestacións asoma como eixe temático esencial dos Cursos previstos para os próximos exercicios. Os interesados poden formalizar a súa matrícula a partir deste momento.
Igadi