Ferrol recaba o apoio do Eixo Atlántico para a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade

Así as cousas, o rexedor ferrolán indicou que a cita terá lugar no primeiro trimestre do ano 2009, concretamente no mes de marzo, e subliñou o carácter estratéxico da mesma, toda vez que vai xirar en torno ao sector do transporte. Esto é, permitirá avanzar nas liñas de colaboración e cooperación do Plan Estratéxico de Transporte do Eixo, tanto por estrada como por ferrocarril e tamén no eido marítimo. O obxectivo é a promoción dunha planificación integral do territorio, presentando alternativas de conectividade, especialmente nas zonas urbanas e periurbanas e nas zonas de baixa densidade do interior mediante a combinación de diferentes sistemas de transporte. Asemade, esto permitirá crear unha rede de transporte máis económica, eficaz e sostible que influirá de maneira directa na mellora da calidade de vida dos cidadáns desta rexión do Noroeste peninsular.
Asimesmo, Xoán Vázquez Mao comprometeu o apoio do Eixo ás aspiracións de Ferrol para ser designada Patrimonio da Humanidade. Un respaldo que o secretario xeral asegurou no momento no que se presenten os expedientes ante os organismos competentes.
Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de establecer unha colaboración estreita co fin de que Ferrol poida optar a unha porcentaxe suficiente das axudas europeas para levar a cabo proxectos considerados estratéxicos para a urbe naval. Tamén para proxectar a imaxe da cidade de Ferrol máis alá das fronteiras rexionais e mesmo nacionais. Neste senso, Irisarri e Vázquez Mao coincidiron na necesidade de facer fincapé na proxección turística de Ferrol, explotanto especialmente os seus valores arquitectónicos, patrimoniais e medioambientais.
Finalmente, Vicente Irisarri anunciou que o secretario xeral do Eixo Atlántico visitará a cidade ferrolá tras o periodo estival co obxectivo de avanzar na preparación da xuntanza que reunirá ás 34 cidades que conforman a organización na súa Comisión Executiva. Será no mes de setembro, segundo o compromiso adquirido polo propio Vázquez Mao.
Gabinete de Prensa do Concello de Ferrol