Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Ambiente promove coa Fegamp un prezo único para o tratamento de augas residuais en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) promoverán o establecemento dun prezo único polo custo do metro cúbico da auga depurada en todos os concellos de Galicia. Para sentar as bases de cara a lograr este obxectivo a Consellería, Aguas de Galicia e a Fegamp organizarán unha xornada informativa dirixida aos concellos de máis de 2.000 habitantes sobre o tratamento das augas residuais e a xestión das depuradoras (edares) en Galicia.

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e o presidente da Fegamp, Carlos Antonio Fernández, anunciaron a organización desta xornada informativa, que terá lugar o 17 de xuño, e á que estarán convidados os alcaldes dos concellos de máis de 2.000 habitantes, obrigados pola directiva europea de augas residuais a contar cunha depuradora. O obxectivo desta xornada será “escoitar as propostas dos alcaldes para buscar un acordo para un sistema integral de xestión das edares”, avanzou o conselleiro.

O novo modelo pasaría por lograr un “equilibrio” no prezo da auga, de xeito que todos os concellos paguen o mesmo polo tratamento das augas residuais ao igual que están a facer co lixo, recalcou Vázquez. O conselleiro explicou que a fórmula sería calcular a media ponderada dos custos de toda Galicia e aplicala a cada concello, sempre co obxectivo de “mellorar o sistema sen que o cidadán pague máis, optimizando os recursos existentes”, subliñou o conselleiro.

Manuel Vázquez tamén se referiu á creación da Axencia Galega da Auga, un organismo que no que estarán representados a Consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia e a Fegamp, e que terá como obxectivo principal “definir a xestión da auga cara ao futuro”.

En materia de residuos, o conselleiro presentoulle ao presidente da Fegamp o borrador Plan de Residuos Sólidos Urbanos e da Lei de Residuos, a fin de que os concellos poidan incorporar as propostas que consideren oportunas. Manuel Vázquez defendeu a aposta da Consellería de Medio Ambiente por abandonar, de xeito progresivo, os modelos de incineración e potenciar o compostaxe e a reciclaxe nos concellos.

O conselleiro de Medio Ambiente tamén solicitou ao presidente da Fegamp a colaboración para o desenvolvemento do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático, no que será necesario “o compromiso das administracións públicas e a implicación dos concellos” para reducir as emisións de CO2 e acadar os obxectivos que marca o plan, salientou Manuel Vázquez.

Pola súa parte, o presidente da Fegamp manifestou a receptividade dos concellos nos temas plantexados hoxe e asegurou que a Fegamp buscará “facer propostas e chegar a acordos” en todas as cuestións abordadas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia