Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Cetmar presenta un anuncio publicitario do sector pesqueiro galego

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, vén de presentar na sede da Confraría de Pescadores de Cedeira (A Coruña) un spot publicitario para promocionar o sector pesqueiro galego. Este anuncio forma parte dunha campaña de comunicación dirixida a mellorar a imaxe da pesca de baixura e o marisqueo galegos.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto “Serea” que coordina o Cetmar e que está a desenvolver un programa de actuacións para favorecer a adaptación do modelo socioeconómico e laboral da actividade pesqueira e marisqueira á realidade actual. O proxecto busca dar unha resposta á situación de desmellora da imaxe da profesión, considerada unha das razóns polas que está a diminuír o relevo xeracional no sector.

Co spot publicitario recentemente estreado preténdense salientar os aspectos máis positivos do traballo no mar, coa intención de amosarlle á sociedade que a pesca de baixura e o marisqueo son actividades atractivas, dignas e con futuro. Ademais, búscase fortalecer a imaxe do sector pesqueiro, máis en concreto dos profesionais que se adican a el, reafirmando a súa importancia como xestores do patrimonio mariño. O obxectivo final que se pretende acadar é o de mellorar a identificación e a implicación dos mozos e a sociedade en xeral co sector pesqueiro para lograr impulsar de novo o relevo xeracional.

Na rodaxe do anuncio participaron como figurantes 16 persoas voluntarias da vila de Cedeira e da súa comarca vencelladas ao mundo da pesca e o marisqueo. A música que acompaña ás imaxes do vídeo pertence ao grupo Marful, que cedeu de xeito desinteresado un dos seus temas para esta iniciativa.

O anuncio, de 20 segundos de duración, será emitido por televisión e proxectarase nas xornadas de difusión dos resultados do proxecto “Serea”. En base a el elaboraranse as cuñas publicitarias que tamén se difundirán a través do medio radiofónico.

Repostar á problemática actual da pesca de baixura

O proxecto “Serea” (Seaside Reorientation Activities), que deu comezo en novembro de 2006 e que rematará a finais deste mesmo ano, xurde para dar resposta ás actuais problemáticas da pesca de baixura como son a sobreexplotación dos recursos, os elevados prezos do gasóleo e o deterioro da imaxe social do sector, que están provocando un descenso da actividade e do relevo xeracional. Estes cambios teñen no sector unha importante repercusión económica pero tamén social xa que, en moitas zonas da nosa costa, a pesca e o marisqueo representan a principal fonte de ingresos e, polo tanto, o principal motor de desenvolvemento.

Deste xeito, a iniciativa “Serea”, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, plantexouse como unha forma de facilitar a cultura do cambio dentro do sector, fomentando o desenvolvemento sostible e seguindo unha filosofía participativa. Así, a Consellería de Pesca, a través do Cetmar, promoveu a creación dun grupo de traballo para buscar sistemas que faciliten unha progresiva reestruturación do sector, fomentando a adaptación ás condicións actuais, e para iso contouse, ademais, coa participación de entidades transnacionais con situacións similares no sector pesqueiro.

No proxecto “Serea” participan a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Cetmar, as tres universidades galega (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), o Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), a Federación Galega de Confrarías de Pescadores; as confrarías de Cambados, Cedeira e Lira, e a Cooperativa Copega da Lega Pesca de Cerdeña. Así mesmo, participan en calidade de observadores a Cooperativa de Audierne Port (Bretaña francesa) e representantes da Secretaría de Pesca de Letonia e da Federación de Pescadores. Deste xeito, no grupo de traballo reúnense os tres alicerces básicos da xestión dos recursos, o administrativo, a través da Administación competente; o do coñecemento científico dos centros de investigación participantes; e o coñecemento práctico do propio sector.

Toda a información relacionada con este proxecto pode consultarse a través da web oficial do mesmo: www.serea.org.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia