Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O campeón mundial de Triatlón, Gómez Noya, recibido na Deputación de Lugo

O triatleta galego Xabier Gómez Noia foi recibido por representantes do goberno da Deputación de Lugo. Gómez Noia mantivo unha xuntanza co Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, co Responsable da Área de Deportes, o tamén nacionalista Antonio Veiga e con representantes de todos os grupos políticos no despacho do vicepresidente. Gomez Noia visitou a Deputación de Lugo tras alzarse neste mes de xuño, na cidade canadiense de Vancouver, co título de campeón do mundo. A proba canadiense foi dominada dende o inicio ata o final polo triatleta galego. O outro triatleta galego, que foi campeón do mundo no ano 2006, Iván Raña acadou o posto decimo noveno nesta proba. Antón Bao fíxolle entrega a Xabier Gómez Noia da camisa oficial, co logotipo da Área de Deportes e co escudo da Deputación, que o atleta galego lucirá na olimpíada de Pekin.

Xabier Gomez Noia, de 25 anos, atópase no seu mellor momento deportivo e o seu próximo obxectivo será o de acadar a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pekin. O Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao destacou a importancia do traballo realizado por deportistas, que como Gómez Noia e Iván Raña, se atopan na elite da disciplina do tríatlon a nivel mundial. Segundo Antón Bao “é unha responsabilidade para os que gobernamos as institucións galegas potenciar e poñer en valor aos deportistas que, sen practicar deportes maioritarios, nos representan en todo o mundo e serven de seña de identidade para todos os rapaces e rapazas que escomenzan a practicar diversas disciplinas deportivas nos clubes e escolas deportivas de todo o país”.

UN DURO CAMIÑO DENDE GALIZA ATA PEKIN

Gómez Noia vai disputar os seus primeiros Xogos Olímpicos en Pequín nun deporte, o tríatlon, que comeza cun quilómetro e medio de natación, seguido de 40 quilómetros en bicicleta e que culmina cunha carreira de 10 quilómetros. Javier Gómez Noia, chegará ás olimpíadas con toda a ilusión tras anos de problemas coas autoridades deportivas españolas, que lle privaron da licenza para competir por unha anomalía cardíaca. A súa loita durou seis anos. El, convencido polos seus cardiólogos de que a súa condición non é perigosa, intentou seguir competindo co apoio da federación galega e en 2003 proclamouse campión do mundo sub-23. Finalmente, en febreiro de 2006, o CSD e a Federación Española acaban cambiando de opinión.

Noia non se baixou practicamente do podio en todas as probas internacionais desde fai dous anos, foi bicampeón da Copa do Mundo - un circuíto anual de 14 probas -, subcampión do mundo e campión de Europa en 2007, e agora, tras acadar o campeonato do mundo, lidera a clasificación olímpica e a clasificación por puntos da Federación Internacional.
Vítor Otero (xefe de Gabinete da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo)