Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O porto deportivo de Muxía perxudicaría ás praias da Cruz e Espiñeirido ademáis de destruir a Punta da Cruz

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicitou a Portos de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente que se desestime o proxecto de construción do porto deportivo de Muxía. O seu contradique de máis de 300 metros de longo fronte ao borde litoral urbano de Muxía alteraría a dinámica de correntes e prexudicaría ás praias da Cruz e Espiñeirido, restando aportes de area.
O porto deportivo implicaría a construción dun novo contradique cunha lonxitude de 302 metros que partiría dende Punta da Cruz, protexida en parte pola Consellería de Medio Ambiente, e deixaría practicamente pechada a Enseada de Muxía. As praias da Cruz e de Espiñeirido son frecuentadas durante o verán, especialmente por veciños e veciñas de Muxía. As súas augas tamén se poderían ver afectadas pola contaminación e os residuos xerados pola actividade do porto deportivo.

Cómpre ter en conta que as áreas dunares das praias da Cruz e Espiñeirido, e a metade surleste de Punta da Cruz, foron incluídas recentemente pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente na proposta para a Rede Natura 2000 (a futura rede europea de espazos naturais protexidos) e declaradas Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. O novo porto deportivo de Muxía podería polo tanto afectalas negativamente.
O proxecto de porto deportivo orixinaría cambios na dinámica das correntes de auga e, polo tanto, nos depósitos de area presentes na enseada e nas praias. O feito de que o proxecto vaia pechar unha importante parte do bordo litoral urbano da zona interior de Muxía podería favorecer un incremento de contaminación das augas, causada por previsíbeis vertidos de residuos orgánicos e doutro tipo e polos frecuentes derrames de aceites e gasóleos que se producen en zonas portuarias. A isto hai que sumar posíbeis molestias provocadas por malos cheiros causados pola putrefación de materia orgánica acumulada e polo aumento do número de gaivotas.
De se construír o novo contradique, é moi probábel que se produza a longo prazo un descenso de calado que dificulte a actividade do actual porto de Muxía. Ao se crear co novo contradique un sistema semipechado con deficiente circulación das augas favoreceríase a colmatación dos fondos.

Adega