Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha obra sobre o heavy, gañadora do 10º Certame de Cómic de Cangas

O mozo catalán Ernest Sala resultou gañador do 10º Certame de Cómic de Cangas (Pontevedra), organizado pola Concellería de Xuventude con motivo do 12º Salón do Cómic. A obra ‘The Metal’ valeulle a Sala o primeiro premio, dotado con 400 euros. Os 300 euros do segundo posto foron para o ‘Wonderfood World’ da canguesa Susana Broullón, que quedou clasificada en numerosas edicións e un ano mesmo levou os tres galardóns da categoría B. O terceiro premio, de 180 euros, compárteno o pontevedrés David Braña, como guionista, e o debuxante Juan Antonio Martínez Alarcón, de Ciudad Real, que presentaron a historieta ‘A Marea’.

Ernest Sala amosou a súa satisfacción polo premio e explicou que ‘The Metal’ “no pretende tener ningún trasfondo trascendental, simplemente quería contar una pequeña historia con la que la gente se divierta”. En catro páxinas reflicte algúns tópicos heavies situando ó protagonista en distintas situacións, “sin afán de menospreciar esta forma de entender la vida”, xa que o propio autor é un fan da música metal. Sala é consciente de que “las historias cortas suelen transmitir mucho más mensaje y más directo que las historias largas”, algo que puido comprobar nas “fascinantes” pezas de Quotidianía Delirante, de Miguelanxo Prado. Ernest Sala estuda Arte Gráfica en Barcelona e conta entre outros premios co terceiro posto do Megara Wants You 05, que lle permitiu publicar o seu primeiro cómic ós 16 anos. En 2008 recibiu a mención especial do xurado no premio Serra i Moret da Generalitat de Catalunya.

Na categoría B do 10º Certame de Cómic de Cangas, para mozos de 14 a 17 anos, a moañesa Miriam Curra fíxose co primeiro premio, de 120 euros, coa obra ‘Neutrón vs. Protón’, onde dous científicos rivais están ideando novas fórmulas para participar nun concurso. “Neutrón proba a menciña que estaba preparando e sofre unha serie de alucinacións nas que se converte nun superheroe que derrota a Protón; cando esperta, decátase de que todo foi a causa dos efectos secundarios”, explica a autora. Amante do manga, Miriam Curra é afeccionada ó debuxo dende pequena e xa gañou varios concursos. ‘Neutrón vs. Protón’ era nun inicio un traballo para a clase de Lingua Galega que logo decidiu presentar ó Certame. Confesa que para a historieta se inspirou no seu profesor de Física e Química.

Outros dous rapaces de Cangas resultaron premiados no apartado B. Carla Piñeiro quedou no segundo posto por ‘A vinganza da rosa’ e Juan Molina foi o terceiro con ‘Krónicas galegas: Indiana Jones e compaña’. Correspóndenlles 100 e 70 euros, respectivamente.

O xurado composto polos recoñecidos debuxantes Kenny Ruiz, José Antonio Calvo e Jvlivs, resolveu concederlle o premio Viñeta Xove a Brais Barreiro, de Vigo, quen xa se fixera o ano pasado con este galardón. En ‘As aventuras do armadillo’, cóntanos como un bebé desta especie que se perdeu da súa nai vaga pola selva e vaise atopando con diversos animais cos que vive diferentes aventuras salpicadas de humor. A piques de cumprir doce anos, Brais Barreiro é un gran afeccionado a ler e debuxar banda deseñada e incluso fixo varios cursos. Ó premio Viñeta Xove correspóndenlle 100 euros e está reservado para os menores de 14 anos.

O accésit foi para Fátima Collazo, de Cangas, e Alba Mecerreyes, que concursaban con ‘Un conto chino’.

Máis de 70 traballos

A Concellería de Xuventude recibiu para o 10º Certame de Cómic un total de 72 traballos. Vinte concorrían na categoría A, trinta na B e 22 no apartado de Viñeta Xove. As obras premiadas publicaranse no sexto número da revista O Tebeo, editada polo Concello de Cangas, e permanecerán expostas no Auditorio Municipal durante o 12º Salón do Cómic, que se celebrará do 21 ó 27 de xullo.

O concurso, dirixido a mozos artistas de ata 35 anos, admitía orixinais con textos en galego, presentados de xeito individual ou conxuntamente entre guionista e debuxante. Requeríase que fosen de creación propia e inéditos, con temática libre, e cunha extensión de catro páxinas para as categorías A e B, e de dúas a catro páxinas a Viñeta Xove.
Gabinete de Comunicación do Salón do Cómic de Cangas