O Avó de Paulo, pola familiarización xuvenil coa multiculturalidade

Durante o acto de presentación, no que estiveron moitos dos rapaces que están a participar nas escolas de verán do concello de Ames, o Secretario de Emigración subliñou que “as escolas da maioría das nosas cidades e vilas configuran unha realidade da que xa forman parte nenas e nenos de orixe, relixión e cultura moi diversas, sendo precisamente este Concello de Ames un dos expoñentes mais claros desa interacción cultural que estamos a vivir en Galicia” facendo referencia ao feito de que Ames é un dos concellos de Galicia que, proporcionalmente, conta con maior número de inmigrantes entre os seus veciños.
Manuel Luís Rodríguez tamén destacou que “a educación intercultural é unha aposta clave para o presente e o futuro da nosa sociedade, polo que é imprescindible potenciar actividades como o xogo O Avó de Paulo, que invita á reflexión, ao encontro e ao traballo neste eido, ao mesmo tempo que prepara á sociedade para unha convivencia harmónica, engadindo neste caso un compoñente de presente e de futuro como é a interactividade no eido das novas tecnoloxías.”
Por último cualificou coma “un reto a construción dunha nova cidadanía activa e intercultural xa nesta xeración á que pertencen estas nenas e nenos e confío que entre todas e todos academos un espazo de referencia grazas ás aportacións que cada día estamos a facer, enfrontando os retos da integración como base imprescindible para lograr unha perfecta convivencia.”
“O Avó de Paulo” conta a historia dun rapaz natural de Brasil que ven vivir a Galicia onde descubrirá que o seu avó era galego. Paulo decide poñerse na procura do seu antepasado iniciando así unha viaxe que lle levará a descubrir que aqueles aspectos que nos fan a todos diferentes son en realidade elementos enriquecedores para calquera sociedade na que estea presente a multiculturalidade.
Os rapaces alí presentes tiveron a oportunidade de aprender o funcionamento do xogo, que lles foi explicado por un dos integrantes da empresa Imaxin Software, encargada do deseño e desenvolvemento de O Avó de Paulo que a partires de hoxe pode descargarse da páxina Web da Secretaría Xeral de Emigración www.galiciaaberta.com
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia