A Biblioteca Básica do Comercio, novo instrumento formativo para os profesionais do sector

Dos 13 manuais que inicialmente compoñerán a Biblioteca, Fernando Blanco presentou os dous primeiros: “Bo día” e ”Paso libre”, nos que a atención aos clientes e a aplicación do necesario criterio de accesibilidade ao establecemento comercial buscan ser a marca diferenciadora que inflúa positivamente nas vendas dos establecementos. En total editáronse 10.000 exemplares de cada título que serán distribuídos de balde a través das asociacións do sector así como das delegacións provinciais da Consellaría. Igualmente estarán integramente dispoñibles a través da web do departamento autonómico.
Progresivamente estarán dispoñibles tamén os outros 11 manuais, que abordarán temáticas de interese para a actividade cotiá nos comercios galegos. Así, a guía sobre aforro enerxético dá recomendacións para o consumo enerxético eficiente e responsable; a do escaparatismo trata de coñecementos básicos para a creación de escaparates atractivos e innovadores que conviden a entrar nos establecementos; a guía de riscos laborais informa sobre as medidas preventivas e de seguridade; a de técnicas de venda fai fincapé en dominar as oportunidades de incrementar a clientela, con especial atención ao merchandising; na guía de comercio electrónico e TIC recóllense pautas útiles para o comercio no uso das novas tecnoloxías como ferramentas para unha mellor prestación de servizos; na do uso do galego indícanse medidas de promoción do idioma que repercuten nunha mellor atención aos clientes; a guía de fidelización fai recomendación para acadar a satisfacción dos clientes mediante unha atención de calidade; e, por último, as guías de lexislación básica, empaquetado e boas prácticas ambientais tratan de formar aos comerciantes nestes ámbitos concretos.
Ao tratarse dun proxecto aberto, no futuro existirán novos títulos referidos a outras temáticas que na actividade comercial poidan ser de interese para os profesionais do sector. A colección ten un investimento inicial por parte da Consellaría de 178.000 euros.
O conselleiro nacionalista salientou a aposta pola calidade desta iniciativa e salientou que a temática da biblioteca está moi relacionada co cumprimento dos requisitos que esixe o Selo de Calidade do Comercio Galego que se está comezando a implantar en preto dun milleiro de establecementos de todo o país. Blanco destacou igualmente a complementariedade desta actuación en relación ás accións formativas que promove a Consellaría e que, segundo indicou, eleváronse a 112 actuacións formativas entre 2006 e 2007 realizadas a través das asociacións de comerciantes. A temática fundamental dos cursos foi o coñecemento das normas de calidade UNE, as técnicas de venda ou a lexislación aplicable ao sector, entre outras. O investimento total destas actuacións foi de preto de 1,1 millóns.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia