Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo Provincial de Lugo acolle unha exposición de Baldomero Pestana

Esta exposición permanece aberta, dende o 3 de setembro ao 2 de outubro no Museo de Lugo, e ocupará as salas 26 e 27. A mostra foi inaugurada polo asesor técnico da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Eduardo Fernández Abel, e contou coa intervención de Carmen Rico, que falou en nome do artista.

Baldomero Pestana, fillo e neto de galegos, naceu no lugar de Pozos, en Pena-Castroverde, de onde con só catro anos emigrou para Bos Aires coa súa familia. Dende ben cativo amosou interese pola literatura e polo debuxo, que co paso de tempo foise convertendo na súa paixón. Na Arxentina fraguáronse as súas inquedanzas artísticas. Desenvolveu, ao longo da súa vida, diferentes traballos, entre eles o de fotógrafo. Exerceu como fotografo comercial na Arxentina e logo fotógrafo artístico no Perú. Alí acadou a nacionalidade peruana, sen perder nunca a súa de orixe, e alí retratou a tremenda realidade do país, a xente do pobo, a natureza, tamén as grandes figuras da literatura e a pintura latinoamericana do momento: García Márquez, Vargas Llosa, Pablo Neruda... Nos anos sesenta fixo un periplo por España duns nove meses, contratado daquela polo Ministerio de Turismo, dende o cal se editaron varios carteis seus. Nesa ocasión voltou a Galiza, á súa aldea, que tanto fotografou. Logo deste periplo viaxou a París, e despois de fotografar tantísimos pintores, movéndose sempre nese ambiente e vendo o traballo dalgúns deles, animouse a mostrar os seus debuxos coincidindo co gusto dos hiperrealistas, o que se chamou despois fotorrealismo.

Os seus debuxos desbordan orde, perfección, xenerosidade e liberdade. Son verdadeiros documentos dunha sociedade, auténticas xoias do debuxo. Sempre traballa con documentos tomados por el e a súa técnica acomódase perfectamente á súa forma de ver fotograficamente os temas. Debuxa con lapis de grafito sobre papel “bristol”. Os temas que máis aborda son de París, persoas da rúa acompañadas de natureza morta.
Gabinete de Comunicación do Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo