Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Tres profesores do Master en Renovación Urbana e Rehabilitación dda USC representarán a España na Bienal de Venecia

Os tres arquitectos forman parte do claustro de profesores do Master en Renovación Urbana e Rehabilitación da Universidade de Santiago que inaugura a súa cuarta edición o vindeiro 17 de outubro.

Paricio, Llinás e López-Cotelo pertencen a equipos de arquitectos de prestixio, elixidos como representantes da mellor arquitectura española xunto aos de Juan Navarro Baldeweg, RCR Arquitectos e IMB Arquitectos.

As obras e proxectos destes tres arquitectos exhibiranse no Pavillón de España durante a ‘XI Mostra Internacional de Arquitectura’, desde o 13 de setembro ao 23 de novembro en Venecia. Soledad del Pino e Ángel Fernández Alba son os comisarios deste proxecto, promovido polos ministerios españois de Vivenda e de Asuntos Exteriores.

A idea dos comisarios é reivindicar o construído mediante a obra silenciosa dunha xeración de profesionais cunha ampla traxectoria e, especialmente, aquela que incorpora o seu entorno, dando solución a problemas urbanos ou de integración co medio. Por outra parte, fai un percorrido pola arquitectura que usa como ferramenta básica o deseño por ordenador. Así pois, no pavillón mostraranse os espazos, ‘Sen nomes, lugares’ e ‘Arquitectura sen papel’.

Os tres profesores do Master en Renovación Urbana da USC son profesionais con ampla traxectoria profesional e obras de recente construción e de gran calidade. Victor López Cotelo desenvolveu varios proxectos en Santiago como a galardoada Vaquería de Carmen de Abaixo, o novo edificio con vistas á Alameda e a urbanización de Caramoniña, que serán exhibidos na exposición veneciana.

Aula de Renovación Urbana

A Aula de Renovación Urbana, dirixida por Idoia Camiruaga, arquitecta do Consorcio de Santiago e presidenta da Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Santiago, iniciouse en 1997. Tivo como orixe o labor do Consorcio de Santiago, como complemento dos traballos de rehabilitación de vivendas e locais comerciais para dar instrumentos de análise, ademais de prácticos aos arquitectos que interveñen nesas obras.

Organízase con talleres prácticos para desenvolver proxectos de rehabilitación. Actualmente, son entidades colaboradoras, ademais do Consorcio e o Concello de Santiago, a Consellaría de Fomento e Calidade da Vivenda, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester e o Concello de Cacabelos.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)