Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Na reforma da Lei do Solo estanse a marxinar as consideracións ambientais

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) considera que na modificación da Lei de OrdenaciónUrbanística e Protección do Medio Rural non se están a ter conta
consideracións ambientais, o que pode significar un retroceso importantena defensa legal do medio ambiente na nosa terra. ADEGA propón que areforma da Lei do Solo sexa obxecto dun ditame por parte do Consello Galego de Medio Ambiente, ademais de polo Consello Económico e Social.
Aínda que ADEGA foi excluída do Consello Galego de Medio Ambiente polo anterior conselleiro de medio ambiente, Carlos del Álamo, e non forma
parte del nestes momentos, acha que o Anteproxecto de Lei, por se tratar dunha iniciativa de singular relevancia cunha incidencia evidente no ambiente, debería ser avaliado polo principal órgano consultivo autonómico en materia ambiental.
ADEGA entende que na reforma da Lei de Ordenación Urbanística non se están a ter en conta adecuadamente consideracións ambientais. Unha proba diso é a ausencia de diálogo e negociación coas asociacións de defensa ambiental e a marxinación do Consello Galego de Medio Ambiente. ADEGA solicita ao presidente do Consello, o conselleiro de medio ambiente Xosé Manuel
Barreiro, que someta a reforma da Lei do Solo a debate no Consello Galego de Medio Ambiente e que faga valer os criterios de defensa ambiental.
ADEGA e as demais organizacións ecoloxistas non foron tidas en conta inicialmente no proceso de revisión da Lei. Só despois dunha solicitude, ADEGA recibiu da Dirección Xeral de Urbanismo un escrito sobre a proposta de reforma da Lei, ao que presentou algúns comentarios. Até hoxe non ten
obtido ningunha resposta.
Á espera de poder coñecer os cambios concretos no articulado da Lei de Ordenación Urbanística propostos pola Consellería, ADEGA considera que hai
elementos na reforma que entrarían en contradición con fins da actividade urbanística recollidos na propia Lei, nomeadamente o de harmonizar as esixencias de ordenación e conservación dos recursos naturais e da paisaxe rural e urbana co mantemento, diversificación e desenvolvemento sostíbel do territorio e da súa poboación, para contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social do territorio.
Entre os elementos da reforma máis preocupantes para ADEGA figuran a redefinición das categorías de solo rústico de protección agropecuaria, protección forestal e protección paisaxística, o establecemento dun réxime específico que dea viabilidade aos establecementos de acuicultura a emprazar no litoral (para favorecer instalacións altamente impactantes como a que Pescanova quere construír en cabo Touriñán) ou o establecemento dun réxime especial de aplicación aos municipios con máis do 40% da superficie afectada pola protección de espazos naturais no que se amplíe a relación de usos autorizábeis.
Adega