Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A USC e Aresa convocan a quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consello de Administración de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron hoxe luns o convenio polo que se convoca a quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, nun acto ao que tamén asistiu o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero. O obxectivo deste galardón é recoñecer e incentivar a I+D+i e aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras no eido agrogandeiro como elementos fundamentais para a mellora da calidade de vida e do benestar das persoas vencelladas ao medio rural galego.
O premio consta dun Diploma de Mérito e dunha dotación económica de 10.000 euros, aportados integramente pola firma luguesa que lle da nome ao certame. As candidaturas presentadas poderán ser propostas a título individual polos interesados ou ben por universidades, centros de investigación, institucións públicas ou privadas e empresas.
No caso dos traballos de I+D+i deberán ter aplicación práctica nos sectores agrícola, gandeiro ou agroalimentario galegos ou supoñer unha contribución notoria ao desenvolvemento rural. As memorias xustificativas non poderán superar as cen páxinas e incluirán un resumo de como máximo dúas. Ademáis, irán acompañadas dun currículum vitae do autor ou autores, asi coma de calquera documentación que se considere de interese e que teña relación co traballo presentado.
Pola súa banda, as candidaturas que recoñezan unha traxectoria persoal, empresarial ou institucional recollerán a documentación xustificativa da súa adecuación á finalidade do premio, así como calquera outra que se considere necesaria para xustificar a súa elección. Do mesmo xeito, incluirase un resumo dunha extensión máxima de dúas páxinas.
O xurado encargado de designar ao gañador da quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural está formado polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, que actuará como presidente do mesmo; o vicerreitor de Coodinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; un membro da firma luguesa; e unha personalidade de recoñecido prestixio no eido do premio que será designada de común acordo pola USC e Aresa.
A presentación das candidaturas, acompañadas dos traballos e outra documentación xustificativa, farase nos rexistros dos Campus universitarios de Lugo e Santiago, antes das 14:00 horas do vindeiro día 15 de outubro de 2004. O fallo do xurado farase público na segunda quincena de decembro e o acto de entrega do galardón celebrarase entre a segunda quincena de xaneiro e a primeira de febreiro de 2005.
O director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Rodríguez Silva, foi o gañador da última edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rurall. Con anterioridade tamén foron merecedores do mencionado galardón a Aula de Productos Lácteos da USC, o investigador Javier Guitián Rivera e a empresa cárnica Novafrigsa.
Gabinete de Comunicación USC