Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Centro de Estudos Avanzados acolle o IV Seminario Internacional de Vicerreitores de Administración e Finanzas de CINDA

O IV Seminario Internacional de Vicerreitores de Administración e Finanzas do Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA) comezou no Centro de Estudos Avanzados da USC onde se vai desenvolver ata o venres 3. O reitor da USC, Senén Barro, presidiu a sesión inaugural do encontro nun acto ao que tamén asistiron o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido, e o director do Programa Políticas e Xestión Universitaria de CINDA, Luís Eduardo González.

Ao fío do eixo central do encontro, Barro lembrou que o groso do financiamento das universidades galegas procede da administración autonómica e que este debería medrar, cando menos, ao ritmo ao que medra a Universidade. O reitor destacou tamén a importancia de CINDA, tanto polas universidades integrantes como pola capacidade do grupo para intercambiar e transmitir ideas de interese común.

Pola súa banda, Rogelio Conde-Pumpido subliñou que o financiamento do sistema universitario en Galicia “é un asunto que está na primeira plana da axenda política” xa que os recursos económicos son fundamentais para deseñar o futuro das universidades. Finalmente, Luís Eduardo González salientou o traballo que CINDA está a propiciar entre as universidades membro na medida en que “a colaboración contribúe a facer un bo traballo en conxunto respectando a autonomía de cada participante”.

A quenda de intervencións comezou coa presenza do vicerreitor da Pontificia Universidade Católica do Perú, Efraín Gonzales, para falar do financiamento en actividades non universitarias da súa institución. Seguiulle o vicerreitor da Universidade de Costa Rica, Héctor Morera, co relatorio ‘Fideicomiso de titularización, unha fonte alternativa para o financiamento de inversión en educación universitaria, a experiencia da Universidade de Costa Rica’. Completando a xornada matinal, o vicerreitor Roberto Enrique Montoya referiuse á produtividade académica dos profesores de planta na perspectiva da xestión administrativa da Pontificia Javeriana.

Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas Iván Mancebo explica o modelo de financiamento do Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo e o xerente da Universidade de Valencia, Juan Oltra, diserta sobre ‘Financiamento de infraestruturas. Débeda e tesourería’.

‘A universidade española en cifras’ será o relatorio que presentará Juan Hernández Armenteros, da Universidade de Xaén, o xoves 2 dende as 10:00 horas. A continuación, o asesor de financiamento externo da Universidade Nacional da Pampa, Javier Andrés Macchi, e o secretario de financiamento para o desenvolvemento da Universidade Nacional de Cuyo, Miguel González, falarán sobre ‘Corporación de Universidade: compras, contratacións e desenvolvementos en conxunto. Experiencias no sistema arxentino’. Finalmente, o reitor e o xerente da Universidade Jaume I de Castellón, Francisco Toledo e Antoni Montaña, respectivamente, analizarán as ‘Sinerxias entre estratexias de Calidade e estratexias de Fund Raising no despregamento do Plan Estratéxico da Universidade Jaume I’.

As fontes de recursos diversas para lograr o desenvolvemento e mellorar os indicadores de concentración de ingresos diferentes a matrículas será o tema co que bote a andar a terceira xornada deste seminario. Seguiralle un relatorio do vicerreitor compostelán Miguel A. Vázquez Taín sobre ‘A investigación e o seu financiamento. O caso da USC’. A quenda de intervencións rematará cunha reflexión conxunta sobre as posibilidades de cooperación dos vicerreitores da área de administración e finanzas de CINDA.

O CINDA é unha rede de máis de 30 prestixiosas universidades de Europa, América Latina e o Caribe que desde 1972 promove a cooperación e o intercambio académico. O seu propósito inicial era de integrar as mellores universidades de América Latina nunha rede que se preocupara da relacións das institucións de ensino superior co desenvolvemento nacional dos seus respectivos países de orixe. Anos despois, en 1992 ampliouse a influencia de CINDA a universidades europeas, entre as que se atopa a USC.

Na actualidade, o propósito institucional deste colectivo oriéntase cara a proxectos basicamente dedicados á política e xestión universitarias. A incorporación dunha universidade a esta rede requírelle o cumprimento de selectivos requisitos, de maneira que as institucións membros de CINDA están consideradas entre as mellores no seu ámbito de actuación.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)