Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello de Ferrol e a Fundación Casares debaten sobre a piratería marítima

“Un mar de piratas. A piratería marítima do século XXI” é o nome da mesa redonda que promoven a Fundación Carlos Casares e o Concello de Ferrol no marco de actividades programadas ao abeiro do convenio suscrito por ambas entidades para este 2008. Así o avanzaba a edil de Cultura, Mercedes Carbajales, quen compareceu en rolda de prensa para dar conta desta nova en compañía da presidenta da dita entidade, Kristina Berg; do seu director, Gustavo Adolfo Garrido, e do coordinador da charla, Miguel Angel Fernández.

Así as cousas, a responsable das políticas culturais avanzou que reputados expertos e profesionais da seguridade marítima e do dereito internacional ofrecerán a súa visión sobre un dos fenómenos de maior actualidade estes días: os asaltos e secuestros de embarcacións. A charla terá lugar este venres a partir das oito do serán na sede da Fundación Caixa Galicia, con entrada libre e gratuíta para toda a cidadanía.

Máis polo miúdo, Miguel Angel Fernández explicaba que o obxectivo da Fundación Carlos Casares é seguir presente no eido cultural a través da organización de diversos actos. No caso da mesa redonda que se vai celebrar esta semana, o coordinador avanzou que xirará en torno a un tema candente, que afecta de cheo á sociedade na que vivimos e, especialmente, á galega: a piratería marítima. Neste liña, avanzou que se trata de ofrecer diferentes versións sobre este asunto complexo e moi relacionado co terrorismo. E, ao fío, apuntou a indubidable influenza que ten no Dereito Internacional Marítimo. Un dereito, dixo, que necesita “certos retoques” para adaptarse á sociedade actual.

Respeto dos relatores que van a intervir na mesa redonda, Fernández avanzou que se trata de reputados expertos e profesionais nesta cuestión. Así, estarán o ferrolán Andrés Breijo, capitán de navío e ata hai poucos días director da Célula de Coordinación da Unión Europea contra a Piratería no Índico. El será o encargado de afondar no tema dende o punto de vista militar. Tamén estará Julio Jorge Urbina, experto en Dereito Internacional Público e vicedecano de Programación Académica da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela no periodo 2005-2007. Foi, asemade, coordinador de diversas xornadas e seminarios de Dereito Internacional e cooperación internacional na ordenación de mares e océanos, ademáis de autor de numerosas publicacións. Abordará a problemática dende o punto de vista humanitario. E completan o cartel Jesús Saavedra España, capitán de Pesca e licenciado en Dereito, destinado actualmente no Corpo de Inspectores de Pesca Marítima.

Pola súa banda, tanto a presidenta e viúva de Carlos Casares, Kristina Berg, como o xerente, Gustavo Adolfo Garrido, quixeron agradecer a intensa colaboración do Concello de Ferrol dende a creación da Fundación Carlos Casares no ano 2002. Neste senso, Garrido destacou a estreita vinculación da dita entidade cultural coa cidade a través do falecido Carlos Casares, amigo persoal de Torrente Ballester e visitante asiduo á urbe naval.

Asemade e dentro do convenio de colaboración do Concello de Ferrol coa Fundación Carlos Casares, a sala de audiovisuais da Biblioteca Central acollerá o vindeiro 18 de decembro unha conferencia de Laura Tato sobre “O Jofre e a historia do teatro en galego”. A charla comezará ás oito do serán con entrada libre e gratuíta.

Concello de Ferrol