Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A proxección fotográfica Ferrol, a cidade vivida, no Centro Carvalho Calero

A proxección fotográfica itinerante Ferrol, a cidade vivida, proposta artística promovida polo Concello de Ferrol no marco da conmemoración do 150 aniversario da cidade, trasládase ao Centro Cultural Carvalho Calero, no barrio do Inferniño, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro día 31. O seu horario é de luns a sábado de 10.30 a 13.30 horas polas mañás e de 17 a 21 polas tardes. Trátase así dunha iniciativa na que se lle cede a voz á cidadanía ao tempo que esta é retratada.

Tal e como explicaba a edil de Cultura, Mercedes Carbajales, Ferrol, a cidade vivida é un retrato plural dos cidadáns e as cidadás de a pé, coñecidos ou anónimos. Un total de 72 imaxes en branco e negro e en cor firmadas por seis recoñecidos fotógrafos de Ferrol. Carlos Carballeira, Jorge Meis, José Pardo, Kiko Delgado, Luis Botana e Ovidio Aldegunde. Artistas que tiveron toda a liberdade creativa en canto aos protagonistas das imaxes, aos emprazamentos e tamén ás técnicas.

Neste sentido, a edil de Cultura, Mercedes Carbajales, lembraba que esta peculiar perspectiva da cidade vista a través das facianas dos seus protagonistas: os homes e mulleres do presente, pasado e futuro da urbe naval iniciaba o seu percorrido pola mesma no Centro Cívico de Caranza, logo de ser inaugurada a principios de outubro no Centro Torrente Ballester. Así, coa súa chegada agora ao Carvalho Calero, a mostra visitará os contedores culturais máis importantes da cidade cun único obxectivo: achegar a arte ao cidadán e á cidadá.

Pero o seu periplo non rematará con este percorrido xa que, segundo avanzou Mercedes Carbajales e grazas á interacción dos espectadores, Ferrol, a cidade vivida terá unha segunda parte. Así, as súas impresións, os seus sentimentos fronte á obra, se recollerán nunha publicación posterior, na que tamén se incluirán as frases que acompañan a cada unha das imaxes. Frases que responden a unha única pregunta: ¿que significa para ti Ferrol?
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol