Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O SLG esixe ao Goberno que adopte medidas efectivas para salvar ao sector lácteo

O sector lácteo estatal, e en especial o galego –que representa á metade das explotacións-, está atravesando dende hai anos unha fonda crise debida á aplicación dunha Política Agraria Común (PAC) deseñada para favorecer á industria e aos negocios especulativos relacionados co sector agrario.
Atopámonos agora nunha situación na que o prezo do leite segue sen amosar signos de recuperación, namentres que os custes de produción estanse a disparar mes a mes, tendendo a cero o beneficio das explotacións leiteiras. Este é o punto do que parte un círculo vicioso: as explotacións, para acadar beneficios, vense na obriga de producir máis para gañar o mesmo, o que provoca un aumento desorbitado do prezo da cota láctea, que é un investimento imprescindíbel para poder producir que as hipoteca para o futuro. Isto provoca unha mingua do beneficio final da actividade produtiva de xeito inmediato, e unha constante destrución de explotacións que non resisten esta carga financeira, o que está provocando un despoboamento agudo do medio rural e mesmo a desaparición de moitas parroquias.
A pesar da tremenda crise, o Goberno de Zapatero segue sen tomar esas poucas medidas que poderían trocar totalmente o panorama do sector lácteo. Semella que non teña vontade de que os ventos muden a favor das explotacións familiares. Por iso, dende o SLG instamos ao Ministerio de Agricultura a que:
Estableza mecanismos que estabilicen os prezos, coma contratos obrigatorios entre industria e produtores que fixen un valor mínimo para o leite e garantan unha rendibilidade que cubra os custes de produción, o traballo e a amortización dos investimentos nas explotacións.
Free o mercado de cotas, pois a compravenda de dereitos só pode favorecer unha especulación en favor daqueles que posúen grandes cantidades de capital para investir. Unha vía para facer isto podería consistir en recuperar a reserva nacional para distribuír cota entre aquelas explotacións que realmente a necesitan, é dicir, aquelas cuxo medio de vida depende da produción de leite.
Deixar de promover aos entes especulativos que existen no sector. Pola contra, o Ministerio de Agricultura debería apostar abertamente e sen trabas polas explotacións lácteas de tipo familiar e extensivo cun modo de traballo sustentábel, que son quen de xerar a máxima rendibilidade sen chegar a producións esaxeradas e supoñen un factor de primeira orde para manter con vida ao medio rural.
En definitiva, o que pide o SLG é que o Ministerio de Agricultura comece a apoiar dunha vez por todas á gandería e ás explotacións de tipo familiar en troques das grandes industrias e dos negocios especulativos que lle están chuchando o sangue ao sector.
Gabinete de Comunicación Sindicato Labrego Galego (SLG)