María José Vaamonde, elexida polo público no concurso de carteis da Festa do Queixo de Arzúa

María José Vaamonde, estudante de 16 anos de 1º curso de bacharelato no IES de Arzúa, pintou á man con cera o cartel gañador ao que titulou “O pensamento que une o país”. Este e todos os carteis presentados nesta edición pódense ver ata o 31 de xaneiro na exposición que se está a celebrar na Capela da Madalena de Arzúa.
Ademais deste cuarto premio, que obterá un agasallo especial da organización, o certame outorgará tres premios máis que obterán unha dotación económica de 600, 300 e 150 euros respectivamente. Para a entrega de premios celebrarase un acto especial, que se incluirá no Programa Oficial da 34ª Festa do Queixo de Arzúa.
A elección dos tres primeiros premios terá lugar a finais de xaneiro de 2009, mediante a valoración dun xurado cualificado designado pola Comisión “Festa do Queixo” cun único voto por persoa. O xurado valorará de xeito especial a creatividade da arte final, a relación co evento a través da nosa cultura e idiosincrasia e o impacto visual publicitario dos carteis. A peza elixida polo xurado como 1º premio será o cartel anunciador da 34ª edición da Festa do Queixo de Arzúa.
O Concello de Arzúa celebra tradicionalmente a Festa do Queixo de Arzúa na primeira fin de semana do mes de marzo, este ano dita celebración terá lugar os días 13, 14 e 15 de marzo.
Concello de Arzúa