Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Trinke Trinke presenta en Tui Os soños na Gaiola

O público infantil é o destinatario da obra que a Concellería de Cultura de Tui presenta o venres 27 de marzo no Teatro Municipal. Trátase de “Os soños na Gaiola” a cargo da Compañía do Trinke Trinke. A función comezará ás 20h e está indicada a partir dos 4 anos. David Pernas é o director da obra, e ao tempo actor xunto a Vanessa Rivas. Xuntos dan vida a un avó e a súa neta.

Esta obra é unha homenaxe ao poeta Manuel María e nela danse a coñecer parte dos poemas do seu libro Os soños na gaiola. Na función Trinke Trinke presenta aos nenos os poemas do escritor ao través da música e o xogo. A acción transcorre nun piso dunha cidade, onde sentado nun sofá dorme un velliño que ata hai pouco vivía na súa aldea. A súa familia levouno a cidade para que non estivese só. Un día recibe a visita da súa neta, xa moza, e xuntos lembran os tempos pasados na aldea. Dan vida a esta peza teatra Vanessa Rivas e David Pernas, quen exerce tamén de director.

A Compañía do Trinke Trinke creouse en 1995 empregando o teatro como unha ferramenta ao servizo da educación. As obras A Princesa e a Pardela (1999), Roque e os Pitiflautas (1997) e O Gatipedro (1998) naceron en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia para promocionar a música clásica entre os nenos.

Trinke Trinke leva a cabo ou colabora en programas de animación á lectura mediante o teatro nas Bibliotecas de A Coruña, Cambre e Oleiros, entre outras moitas. Os seus personaxes "os ratos da biblioteca" son coñecidos por toda Galicia. As entradas teñen un prezo de 3€ , 2€ con desconto e para os menores de 12 anos, e están xa á venda en www.culturatui.info, ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes do Teatro Municipal.
Gabinete de Comunicación do Concello de Tui