Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Rosa Méndez e Francisco González, premios González Llanos e Concepción Arenal

O alcalde, Vicente Irisarri, presidiu no consistorio a entrega dos Premios de Investigación González Llanos de Enxeñería Naval e Concepción Arenal de Humanidades que, cada dous anos e dende 1998, convocan conxuntamente o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña. E, na edición actual, os traballos gañadores estiveron firmados por Francisco Javier González Cela no caso do González Llanos e por Rosa Méndez Fonte no caso do Concepción Arenal. No acto tamén estiveron presentes o vicerreitor do campus ferrolán, Luis Barral; a concelleira de Educación e Universidade, Mercedes Carbajales, así como representantes da institución académica e do xurado. Nas súas intervencións, Rosa Méndez destacaba a aplicación práctica do traballo co que concurriu, apuntando o seu valor como guía nas memorias para actuacións de rehabilitación. Así mesmo, Francisco Javier González puxo de manifesto o valor que para el tiña este recoñecemento, tanto por proceder do seu Concello, como da Universidade onde cursou estudos, como polo investigador que dá nome ao premio. E, tras eles, o alcalde quixo agradecer o seu traballo, que situou como unha das recetas máis eficaces contra a actual crise económica.

Os Premios de Investigación González Llanos e Concepción Arenal, xunto co Enxeñeiro Comerma e Antonio Usero, teñen como finalidade apoiar e impulsar as labores de investigación realizadas no ámbito universitario e no mundo empresarial nas áreas de Enxeñería Naval, Humanidades, Enxeñería Industrial e as áreas de Saúde e Relacións Laborais respectivamente. De carácter bianual convócanse os anos pares os dous primeiros como é o caso desta edición, e os impares os dous últimos. Esto é, o Enxeñeiro Comerma e Antonio Usero.

Así as cousas e logo do estudo e valoración dos traballos de investigación presentados, o xurado acordaba outorgar por unanimidade o VI Premio de Investigación Concepción Arenal ao traballo titulado “La conservación dos monumentos arquitectónicos en Galicia (1840-1940)”, do que é autora Rosa Méndez Fonte. Un estudo que foi definido polos membros do xurado como arduo, de calidade e contundente, confeccionado con rigurosidade e no que se achegan documentos inéditos ata a data. Unha análise de extraordinaria utilidade para afrontar un tema como o da restauración. A investigación de Rosa Méndez foi escollida de entre nove propostas de campos moi diversos: dende a historia, o arte, a filoloxía inglesa, pasando pola conservación de edificios e monumentos e a arquitectura.

No caso do Premio González Llanos de Enxeñería Naval recaía no traballo “Proxecto de embarcación adaptada” cuxo investigador é Franciaco Javier González-Cela. A súa aplicación práctica, a orixinalidade e o impacto social foron as tres cuestións que inclinaron ao xurado sobre os outros dous proxectos cos que competía. Así, os dous galardoados recibiron cadanseu premio en metálico de 12.000 euros.

Neste contexto, Vicente Irisarri subliñaba o compromiso da Administración local coa Universidade para promover o estudo e a investigación. Para o rexedor ferrolán, nun momento de crise económica cómpre reforzar a economía productiva real a través do coñecemento. Un coñecemento, subliñou, que nos axude a atopar unha economía máis competitiva e forte. Reclamaba, asemade, o apoio da sociedade civil e de toda a comunidade investigadora. Para o alcalde este é o camiño a seguir: incrementando a preparación a través de universidades potentes e actualizadas. A saída, insistiu, pasa por meternos de cheo na franxa tecnolóxica e do coñecemento, onde España xa ten o seu espazo. Pero, para iso, é preciso a unión de tres vértices: a Administración, a Universidade e o empresariado. Vertices que, unidos, deben apoiar aos mozos. Nesta liña, o alcalde ratificou o compromiso da institución local co I+D+i e, especialmente, co traballo investigador da Universidade.

Pola súa banda, Luis Barral agradecía ao Concello de Ferrol o esforzo por manter no tempo un premio destas características. Algo que, segundo afirmaba, non é habitual. O vicerreitor ferrolán quixo agradecer tamén o esforzo do equipo directivo da Escola Politécnica Superior que, este ano e por primeira vez, realizou unha labor de difusión do galardón especial enviando as bases da convocatoria a tódalas universidades europeas donde se imparten na actualidade estudos de enxeñería naval. Así mesmo, reivindicaba a aposta polo I+D+i para saír da actual crise económica, na que é preciso cambiar a economía do ladrillo pola do coñecemento.

Namentras, Mercedes Carbajales agradeceu tanto ao xurado como á universidade e aos investigadores que tomaron parte nesta edición a súa participación. E, ao fío, subliñaba que se trata dun galardón que valora non só o esforzo da xente, senón a calidade dos seus traballos. A edil rematou a súa intervención lembrando que os Premios de Investigación González Llanos e Concepción Arenal son froito do traballo conxunto da Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol.

No ano 2006 resultou premiado co V Premio de Investigación González Llanos de Enxeñería Naval o equipo multidisciplinar formado por Richard Duro, Fernando López, Jose Antonio Becerra e Vicente Díaz, todos eles autores do traballo “Deseño aerodinámico de velas para navegación mediante técnicas evolutivas”. Respecto do Concepción Arenal de Humanidades, o xurado declarou vencedora desa edición a Rosa Eugenia Montel Doncel co estudo “Xénero lírico e estudos de xénero. Pragmática do eu poético na obra de Sor Juana Inés de la Cruz”.

Concello de Ferrol