Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Chévere presenta Testosterona na Sala Nasa de Santiago

Chévere volve estrear na NASA despois de cinco anos. Durante este tempo non paramos de traballar abrindo novas frontes de actuación, sempre con ese xeito de facer chévere: primeiro foi o intento de sitcom á galega Pepe O Inglés, despois foi embarcarse nun dos proxectos culturais máis innovadores, participativos e polémicos dos últimos tempos (A Cultura Circula), logo a investigación nos territorios do teatro científico (Alá no fondo hai sitio abondo, SOS Planeta Terra, Innoescena) e máis recentemente a co-produción dunha longametraxe (Crebinsky, o filme). Pero agora chegou o momento de voltar a casa.

TESTOSTERONA é un proxecto de creación escénica e intervención cultural sobre identidade e construción de xénero. O proxecto púxose en marcha no mes de xullo de 2008.

SER HOME POR UN DÍA

Obradoiro para-teatral

Durante os meses de agosto e setembro levouse a cabo unha primeira fase de traballo na sala NASA de Santiago de Compostela. Como resultado deste traballo inicial xurdiu o primeiro dos produtos asociados ao proxecto: un obradoiro para-teatral dirixido a mulleres que leva por título "Ser home por un día", e que xa se realizou en distintos puntos de Galiza (Carballo, Ponteceso, Monforte, Sober, Porriño, As Pontes, Gondomar, Dodro). Durante este obradoiro dúas actrices (Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro Pajarito) e unha maquilladora (Estefanía Bello) traballan con cada unha das participantes para crear unha nova identidade masculina e para acadar unha experiencia colectiva de emancipación de xénero.

TESTOSTERONA

Espectáculo xenérico

En xaneiro de 2009 iniciamos a segunda fase de traballo, da que sairá o segundo produto asociado ao proxecto: un espectáculo de teatro que leva por título TESTOSTERONA, que será estreado na sala NASA no mes de febreiro de 2009. Trátase dunha obra que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e plantexa a posibilidade dun xénero modificable e flexible. Ciencia, hormonas, leis, armarios, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock'n'roll, política..., todo se confabula para artellar esta peculiar ditadura de xénero que nos domina. Testosterona é un exorcismo emancipatorio e teatral que se sirve tanto da música en directo, a performance, o transformismo, a comedia, o naturalismo, ou o vídeo, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia.

SINOPSE

Tito e Fran son dous colegas que acaban de montar un grupete de punk-rock, Os Dildos. Hoxe terán que tocar eles dous sós, guitarra e batería, porque Luismi, o baixista, deixou o grupo antes de que poidesen dar o seu primeiro concerto. Tito é a figura carismática dos Dildos, un guitarrista curtido en todo tipo de conflitos e disputas. Fran é o cerebro do grupo, un baterista atípico que escribe coa mesma contundencia coa que golpexa na caixa.

Unha obra creada por Patricia de Lorenzo, Natalia Outeiro e Xron, feita coa colaboración de:_ Carlos Alonso (escenografía, atrezzo)

Xacobe Martínez Antelo (banda sonora)

Fanny Bello (caracterización)

Juancho Gianzo (produción)

Fidel Vázquez (iluminación)

Hevi (son)

Patricia Falchi (vídeos)

Ana Pintos (foto)

Rosana (perruquería)

Adriana Tubío (administración, distribución)

Astresenpunto (comunicación) e Fausto Isorna (deseño gráfico).

Unha co-produción do Grupo Chévere e a sala NASA.

Para a elaboración deste espectáculo foron fundamentais as lecturas de autoras como Beatriz Preciado, Anne Fausto-Sterling, Valerie Solanas, Judith Batler, Virginie Despentes, Donna Haraway ou Eve Kosofsky. O noso agradecimento ao Centro Dramático Galego, a Patri e Expo de Lilith, á doutora Helena Rodríguez, ao doutor Jose Ferro, e a todas as mulleres participantes nos obradoiros "Ser home por un día".
Astresenpunto. Comunicación Cultural