Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello de Ourense organiza a xuntanza intercultural “Quero coñecerte”, para escolares de diferentes países

“Quero coñecerte” é un proxecto piloto dirixido a alumnos de terceiro ciclo de Primaria, que o Concello está a desenvolver neste centro e no CEIP Manuel Luis Acuña, nos que están integrados escolares de distintos países: Colombia, Brasil, Venezuela, Romanía, Arxentina, Santo Domingo, Portugal, Bulgaria e España. Concretamente, nesta ocasión, os escolares do Manuel Luis Acuña realizarán unha visita ós alumnos do CEIP Albino Núñez.

O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e a concelleira de Educación, Ana Garrido, asistirán a esta actividade, na que se recrearán distintos espacios de convivencia onde os nenos darán a coñecer ós seus compañeiros os seus costumes e vivencias, con distintas actividades:

- Presentación: Os escolares tentarán de coñecerse, presentándose e contándonos aspectos diferentes de cada país: flora, fauna, xeografía, economía.

- Xogos do mundo: Realizarán obradoiros sobre os xogos tradicionais dos diferentes países.

- Gastronomía: Farase unha degustación dos distintos pratos dos países representados.

- Contacontos: Os nenos recolleron contos dos diferentes países e daranlle lectura.

- Dramatización: Creouse un espacio onde se realizarán técnicas de teatro por especialistas.

- Horto escolar: Procedeuse á sementeira de semas de productos dos distintos países.

- Música: Audicións de música tradicional. Os nenos porán en escea o “rap do mundo”.

- Concurso de deseño: Os nenos deseñaron un carné de cidadán do mundo que se entregará.

- O recuncho dos pobos Inagurarase a praza de encontro dos cidadáns do mundo.

Esta actividade ten como obxectivos dar a coñecer a cultura dos distintos países que teñen representación nos centros, crear espacios de diálogo e encontros interculturais, facilitar métodos educativos e lúdicos que permitan adquirir coñecementos básicos sobre outros países, culturas ou razas, defendendo a visión de que todos somos cidadáns do mundo, e ter sempre como referencia no proceso de aprender a convivir a bagaxe cultural e o pasado das persoas inmigrantes.
Concello de Ourense